Nova: López Campos acompaña en Vigo o equipo da longametraxe ‘Pínkala’, apoiada pola Xunta para a súa filmación en Galicia

04/08/2026

López Campos acompaña en Vigo o equipo da longametraxe ‘Pínkala’, apoiada pola Xunta para a súa filmación en Galicia

O filme recibe 350.000€ da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mediante a convocatoria de atracción de rodaxes de 2025, dotada este ano con 2,53 M€

A produción afronta estes días a súa recta final entre Vigo e Tomiño

A galega Frida Films lidera esta coprodución internacional xunto á compañía lituana M-Films

Vigo, 4 de agosto de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou hoxe na Estación Marítima de Vigo o equipo de Pínkala, a nova longametraxe do director Juanjo Giménez, impulsada pola produtora galega Frida Films en coprodución con M-Films e incluída nas axudas da Xunta para a atracción de rodaxes audiovisuais. A película atópase na súa fase final de filmación en Galicia, onde completa as últimas semanas de traballo entre Vigo e Tomiño grazas a achega de 350.000€ por parte do Goberno galego no marco da liña de axudas de atracción a rodaxes, dotada este ano con 2,53M€ e cofinanciada pola Unión Europea no marco do Programa Galicia FEDER 2021-2027.

Durante o encontro co equipo, López Campos, acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, lembrou que esta iniciativa favorece a chegada de proxectos cinematográficos e televisivos capaces de dinamizar a actividade económica, crear emprego cualificado e fortalecer a cadea de valor da industria audiovisual galega. Así mesmo, destacou que "Galicia consolidouse como un territorio de referencia para a produción audiovisual grazas á combinación de talento creativo, empresas cada vez máis competitivas e unha estratexia pública estable para acompañar o crecemento do sector".

O conselleiro incidiu ademais en que "o audiovisual é unha das industrias culturais con maior capacidade para crear valor e conectar a cultura coa innovación, o turismo e a internacionalización, polo que seguirá sendo unha prioridade para o Goberno galego", ao tempo que definiu Pínkala como "un exemplo de produción internacional que confía nas empresas, nos profesionais e nas localizacións galegas para desenvolver un proxecto de gran calidade artística".

A Estación Marítima de Vigo recrea un aeroporto

A visita institucional coincidiu coa gravación dunha das escenas que transforma a Estación Marítima de Vigo nun control de seguridade aeroportuario. Nela, o protagonista da historia, Sam, interpretado por Pol López, enfróntase por primeira vez ao proceso previo ao embarque nun voo, unha experiencia que pon de manifesto as dificultades do personaxe para desenvolverse nun espazo descoñecido e con gran afluencia de persoas. A secuencia conta coa participación de figuración e cun dispositivo escenográfico específico para recrear o ambiente dunha terminal aérea.

Tras esta sesión, o equipo trasladarase a Tomiño para completar unha nova semana de traballo nunha localización interior. A continuación regresará a Vigo para afrontar as últimas xornadas da planificación, previstas en horario nocturno nos antigos xulgados da cidade, antes de iniciar a fase de posprodución.

Unha historia intimista con selo galego e vocación internacional

Pínkala é unha produción da empresa galega Frida Films, que comparte este proxecto coa lituana M-Films, baixo a dirección de Juanjo Giménez, gañador da Palma de Ouro á mellor curtametraxe no Festival de Cannes por Timecode e candidato aos Premios Óscar.

A película segue a historia de Sam, un home cunha extrema sensibilidade aos estímulos que vive practicamente illado do mundo. A chegada dunha nova persoa ao seu contorno obrigarao a cuestionar ese equilibrio e iniciar unha transformación persoal que converte o filme nunha reflexión sobre a vulnerabilidade, os coidados e os vínculos humanos.

Comparte