Nova: A Xunta achega 200.000€ para levar a cabo traballos de conservación no Teatro Pastor Díaz de Viveiro

03/08/2026

A Xunta achega 200.000€ para levar a cabo traballos de conservación no Teatro Pastor Díaz de Viveiro

  • O Consello dá luz verde ao convenio entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o Goberno local para intervir nun referente cultural para a localidade
  • A actuación vai na liña do compromiso do Goberno galego con equipar os municipios das mellores infraestruturas culturais para ofrecer un servizo de calidade
  • As obras de mantemento contemplan accións na cuberta e nas fachadas para solucionar as filtracións de auga, así como a renovación de sistemas

A Xunta de Galicia destinará 200.000€ a levar a cabo obras de conservación e mantemento no Teatro Pastor Díaz, un dos referentes culturais, patrimoniais e arquitectónicos do concello lucense de Viveiro. Así se informou hoxe no Consello da Xunta, onde se deu luz verde á sinatura dun convenio entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o Goberno local para a mellora deste inmoble afectado por un deterioro progresivo co paso do tempo.

 

Neste senso, a actuación está dirixida a realizar unha serie de traballos puntuais para  preservar a funcionalidade e integridade arquitectónica do espazo, garantindo as condicións de seguridade, salubridade, habitabilidade e conservación, sen alterar os seus valores formais nin culturais. Concretamente, centraranse en solucionar as filtracións na cuberta e nas fachadas, anulando as humidades por capilaridade, no saneamento dos sistemas de seguridade e na modernización da iluminación do patio de butacas.

 

Para o desenvolvemento da intervención neste 2026 están asignados 38.119 para cubrir as actuacións preliminares, medios auxiliares, plans de seguridade e as obras urxentes de estanqueidade exterior en cubertas e encontros coas fachadas, co fin de protexer o edificio. Mentres, para o 2027 a partida é de 161.881€ correspondente ao groso da execución material que inclúe o acondicionamento de fachadas, trasdosados interiores, renovación dos sistemas de iluminación escénica e electricidade, substitución e mantemento de portas de emerxencia e a restauración especializada dos lenzos artísticos da sala.

 

O Goberno galego responde así ao seu compromiso de achegar a cultura a todo o territorio nas mellores condicións, facilitando o acceso da sociedade a un servizo de calidade poñendo ao seu dispor os equipamentos máis axeitados nos distintos municipios, en liña cos obxectivos da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia.   

Un espazo con historia

A historia do Teatro Pastor Díaz remóntase á primeira metade do século XX, cando comezou a acoller unha ampla variedade de usos culturais e sociais, representacións teatrais, proxeccións de cine mudo ou concertos, converténdose nun elemento vertebrador da vida cultural e lúdica de Viveiro.

O edificio posúe unha estrutura en planta trapezoidal, destacando pola súa boa acústica, pola integración co tecido urbano histórico e pola calidade formal e decorativa dos seus espazos interiores. Cómpre destacar as pinturas no teito e no friso superior do escenario onde se representan as figuras de Rosalía de Castro e Nicomedes Pastor Díaz, en homenaxe á literatura galega.

Comparte