Nova: A Xunta colabora co concello de Rábade con 120.000€ para equipar o antigo Cine Man como centro cultural

03/08/2026

A Xunta colabora co concello de Rábade con 120.000€ para equipar o antigo Cine Man como centro cultural

  • O Consello autoriza o convenio entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o Goberno local para culminar este proxecto e poñer o espazo en funcionamento
  • Trátase de dotar este inmoble emblemático da localidade lucense cos elementos necesarios para convertelo nun equipamento de dinamización social de referencia
  • A partida destínase, en dúas anualidades, á instalación de cadeiras, pantallas e demais material audiovisual, entre outros elementos
  • Con esta intervención, o Goberno galego impulsa equipamentos de calidade en todo o territorio para a dinamización social e cultural da veciñanza

A Xunta de Galicia colabora co concello lucense de Rábade con 120.000€ para dotar o antigo Cine Man co equipamento necesario para a súa posta en marcha como centro permanente de usos culturais. Así se desprende do convenio autorizado hoxe polo Consello da Xunta entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o Goberno local que permitirá culminar este proxecto municipal dirixido a converter o emblemático inmoble nun referente de dinamización social.

 

A actuación céntrase así no acondicionamento interior dun dos edificios con máis carga histórica e sentimental desta localidade, inaugurado no ano 1945, e que, tras ser obxecto dunha rehabilitación, pasará a ser unha infraestrutura de referencia na comarca. Nesta liña, o obxectivo é albergar unha programación de calidade con actividades promovidas polas distintas administracións públicas, asociacións culturais, centros  educativos e entidades sen ánimo de lucro.

 

Deste xeito, o equipamento previsto grazas a este acordo é imprescindible para a entrada en funcionamento dun centro sociocultural destinado á exhibición  cinematográfica, ás artes escénicas, á organización de conferencias e exposicións ou de actividades educativas sociais. Para 2026 están asignados 89.384€ dirixidos á colocación de mobiliario na planta baixa con cadeiras, bancos e atrís, así como equipos audiovisuais como son un proxectos, unha pantalla e un sistema de son profesional. Isto complétase con instalacións de seguridade como é unha varanda de vidro na bancada ou diversos accesorios no escenario. Mentres, co importe reservado en 2027 completarase a instalación de butacas na planta alta e outros elementos.

 

En liña coa Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, o Goberno autonómico dálle pulo á posta en marcha e acondicionamento de infraestruturas como estas que ofrezan o mellor servizo á cidadanía en toda a Comunidade.

 

Punto de encontro durante décadas

Durante décadas o Cine Man foi o principal espazo de lecer e de encontro do Concello de Rábade e hoxe en día segue sendo un símbolo da memoria colectiva do municipio. É un dos poucos cinemas rurais galegos de posguerra que conserva gran parte da súa configuración orixinal, mantendo elementos característicos como o escenario e a volumetría interior da sala, algo que moitos cinemas da época perderon ao ser transformados ou demolidos.

 

Ademais, cómpre destacar que o edificio, adquirido polo concello para evitar a súa desaparición e convertelo nun centro que transforme a vida cultural na zona, reproduce solucións propias dos teatriños franceses e alemáns do século XX, algo bastante inusual nunha vila rural galega dos anos corenta.

 

Comparte