Nova: A Xunta achega 150.000€ para dotar o concello do Pino dun centro sociocultural
03/08/2026
A Xunta achega 150.000€ para dotar o concello do Pino dun centro sociocultural
- O Consello dá luz verde á sinatura do convenio co Goberno local polo que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude achega preto do 60% do importe para a construción dun local en San Mamede de Ferreiros
- A iniciativa busca garantir a igualdade de acceso a programacións culturais e fomentar a participación de colectivos vulnerables na liña da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia
- O proxecto combina un espazo interior polivalente cun soportal cuberto que amplía as posibilidades de uso do edificio e reforza a súa relación coa contorna
A Xunta de Galicia destinará 150.000€ á construción dun centro sociocultural en San Mamede de Ferreiros no concello do Pino ao abeiro dun convenio de colaboración co Goberno local polo que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude achegará preto do 60% do importe total. Así se deu conta hoxe no Consello da Xunta onde se autorizou o convenio por valor de 249.000€ dirixido a edificar un equipamento para actividades culturais, sociais, formativas e comunitarias.
Deste xeito, o executivo autonómica dá resposta ás necesidades de todos os galegos e galegas garantindo o seu acceso á cultura con independencia de cales sexan as súas condicións sociais, demográficas ou económicas, en liña cos obxectivos da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia. Neste caso concreto, o obxectivo é mitigar a dispersión xeográfica, frear o despoboamento xuvenil e dar cabida ao crecente tecido asociativo do municipio.
Ademais, dada a condición do municipio como paso clave do Camiño Francés, responde tamén á necesidade estrutural de crear puntos de interpretación e difusión cultural onde convivan o patrimonio local do Pino co fluxo de peregrinos. Con este fin, o proxecto combina un espazo interior polivalente cun soportal cuberto que amplía as posibilidades de uso do edificio e reforza a súa relación coa contorna. Así mesmo, a intervención intégrase nun ámbito tradicionalmente vinculado á celebración de actividades veciñais e comunitarias, contribuíndo á mellora da funcionalidade deste espazo público.
Con esta nova actuación, o Goberno galego responde ao seu compromiso de achegar a cultura a todo o territorio nas mellores condicións, facilitando o acceso da sociedade ao coñecemento poñendo ao seu dispor equipamentos nos que se poida ofrecer un servizo de calidade.
