Nova: A Xunta destina 100.000€ á redacción dun Plan integral de conservación e rehabilitación das pallozas dos Ancares
03/08/2026
A Xunta destina 100.000€ á redacción dun Plan integral de conservación e rehabilitación das pallozas dos Ancares
O Consello dá luz verde á sinatura do convenio entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Asociación Ser, entidade cultural e ambientalista sen ánimo de lucro
O acordo permitirá establecer o procedemento e as técnicas construtivas para a conservación, restauración e posta en valor destes bens patrimoniais e culturais
Estas tarefas constitúen a primeira fase dunha actuación estratéxica a medio e longo prazo, dirixida a preservación e mantemento no tempo destas vivendas tradicionais
Santiago de Compostelal, 3 de agosto de 2026.- O Goberno galego destinará 100.000€ para a elaboración da documentación técnica necesaria para a redacción dun Plan integral de conservación e rehabilitación das pallozas dos Ancares. Así se acordou hoxe no Consello da Xunta, onde se deu luz verde ao acordo de colaboración coa Asociación Ser, entidade cultural e ambientalista sen ánimo de lucro, que levará a cabo estas tarefas.
Así, a través deste acordo, o departamento de Cultura da Xunta financiará a longo de dous anos —con 70.000 euros en 2026 e 30.000 euros en 2027— as actuacións que realice a Asociación Ser para establecer o procedemento e as técnicas construtivas que permitan a conservación, restauración e posta en valor destas vivendas tradicionais da zona oriental das montañas de Lugo con alto valor patrimonial e cultural.
Con este obxectivo, esta entidade tamén levará a cabo investigacións e estudos co obxectivo de garantir a protección e a salvagarda dos valores culturais e o interese etnolóxico destas construcións. Ademais, entre as accións a levar a cabo pola Asociación Ser, estará a procura de obtención de fondos económicos europeos para acadar o financiamento doutras intervencións de cara a desenvolver nun período a medio e longo o plan integral de conservación e rehabilitación das pallozas dos Ancares.
Como complemento destas accións e como parte dos traballos de investigación, o convenio tamén establece a realización de traballos de reparación nalgunha das pallozas, que serán seleccionadas en función do seu estado de conservación e o interese das mesmas.
Cómpre salientar que todas estas tarefas constitúen unha primeira fase dun Plan integral, co que se prevé levar a cabo unha intervención progresiva e coordinada no tempo, para conservar as pallozas dos Ancares, que se teñen erixido como ben patrimonial e cultural que caracteriza este territorio como un hábitat histórico, arquitectónico e etnolóxico único en Galicia e Europa.
Con este obxectivo, as accións deste convenio van supor para o Goberno galego unha folla de folla de ruta que permita incorporar unha actuación estratéxica a medio e longo prazo, de cara a desenvolver nun futuro o plan integral que abranguería unha segunda fase de reparacións do resto de pallozas e a consolidación dun plan de mantemento sustentable e viable no tempo.
