Nova: A Xunta facilitará que nove profesionais participen en residencias literarias de México, O Xapón, Italia, Colombia ou Portugal

02/08/2026

A Xunta facilitará que nove profesionais participen en residencias literarias de México, O Xapón, Italia, Colombia ou Portugal

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude financia estas estadías fóra da Comunidade Autónoma, que tamén inclúen as cidades de Almería e Xixón

Publícase no Diario Oficial de Galicia a resolución dos escritores que recibirán as axudas, así como os proxectos que levarán ao cabo en cada territorio

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2026

A Xunta acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución das axudas a nove autoras e autores galegos para participar en residencias literarias fóra da nosa comunidade durante o ano 2026. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dirixe este apoio de preto de 20.000 € a profesionais da creación literaria co obxectivo de promover a proxección exterior das letras galegas e fortalecer os vínculos con outros centros culturais referentes.

Deste xeito, as e os autores seleccionados desenvolverán proxectos de diversos xéneros como novela, teatro, poesía, ensaio e relato curto en estadías internacionais en México, O Xapón, Italia, Colombia e Portugal, así como noutras residencias literarias españolas en Almería e Xixón.

Así, entre os creadores atópanse Miguel Cavadas Docampo, co seu guión teatral Avión; Sarai Lorenzo Broullón, que desenvolverá a novela ilustrada A voz da Sibila, e José Luís Baños de Cos, coa obra teatral Instrucións de montaxe. O ámbito dos relatos tradicionais estará representado por Paula Lago Pereira, con Proxecto de edición ilustrada de relatos clásicos en galego, mentres que a poesía contará coas achegas de Lucia Aldao Sánchez e Laura Torrado Varela, coas obras Finito e Poesía visual do cotián, respectivamente. Finalmente, a narrativa breve complétanse cos ensaios Tomás Barros Pardo. Biografía e obra literaria, de Esperanza Mariño Davila, e Grelamos Raices, de Adriana Páramo Pérez, xunto ao relato curto de Breogán Antón Martínez Vila titulado Esta mensaxe foi eliminada.

Esta é a cuarta convocatoria deste proxecto co que o Goberno galego pretende impulsar a creación literaria e promover o desenvolvemento cultural en galego, ao tempo que favorece a internacionalización da literatura de Galicia e impulsa as relacións coas industrias fóra das súas fronteiras. Cómpre lembrar que o pasado ano contaron con estas axudas Ramón Caride, Raquel Senra, Nerea Pallares, José Luís Baños, Mirian Couceiro e Ana Belén Gutiérrez, que estiveron en residencias de Xixón, Noruega, Almería, México e Madrid.

Comparte