Nova: López Campos convida á cidadanía a desfrutar dunha “feira do libro histórica” na Coruña con 350 actividades
01/08/2026
López Campos convida á cidadanía a desfrutar dunha “feira do libro histórica” na Coruña con 350 actividades
Os xardíns de Méndez Núñez acollen obradoiros, presentacións, sinaturas de obras, teatro, roteiros literarios e máis propostas ata o luns 10
O representante de Cultura pon en valor “a importante labor desta iniciativa para achegar a lectura a todos os públicos”
Destaca “o orgullo de formar parte dunha sociedade cada vez máis lectora cun 96% de poboación maior de 14 anos fomentando este hábito”
A seguinte parada do circuíto impulsado pola Xunta de Galicia e a Federación de Librarías será Viveiro, do 13 ao 19 de agosto
A Coruña, 1 de agosto de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe a Feira do Libro da Coruña, a décima das citas do circuíto que a Xunta de Galicia impulsa en colaboración coa Federación de Librarías de Galicia.
No acto de apertura, o representante de Cultura do Goberno galego puxo en valor “unha feira histórica que, nesta edición, contará con 350 actividades” e convidou á cidadanía a gozar de días cheos de “libros, actividades e moita cultura”. Así, os xardíns de Méndez Núñez na cidade herculina acollerán obradoiros, presentacións, sinaturas de obras, teatro, mesas redondas, poesía e roteiros literarios, entre moitas outras propostas.
Neste senso, López Campos quixo destacar “o orgullo de formar parte dunha sociedade cada vez máis lectora”, como así o demostra o informe de hábitos lectores e compra de libros en Galicia en 2025, que indica que o 96% da poboación maior de 14 anos é lectora, por riba da media estatal. Ademais, fixo fincapé na “importante labor desta iniciativa para achegar a lectura a todos os públicos” cunha programación pensada para públicos diversos, na liña da Lei de cultura inclusiva e accesible aprobada pola Xunta de Galicia.
A Feira do Libro da Coruña, que forma parte da campaña de verán Para gustos, cultura, coa que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude impulsa máis de 3.600 actividades en 200 municipios de toda Galicia, estará aberta ata o luns 10 de agosto en horario de 11,00 a 14,00 e de 17,30 a 21,30 horas. A programación iniciouse hoxe coa lectura do pregón a cargo da ilustradora Bea Lema, Premio Nacional de Cómic.
13 vilas e cidades de abril ata agosto
A Coruña é a décima das 13 citas co libro e a lectura que teñen os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias, tras a celebración das feiras en Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, O Porriño, Redondela, Ourense, Vigo, Ponteareas e Rianxo.
Recollerá o relevo Viveiro, do día 13 ao 19 de agosto; Foz, do 20 ao 23, e rematarán en Monforte de Lemos, onde se celebrará do día 26 ao 29.
