Nova: Nerea Barros remata de filmar en Galicia a súa primeira longametraxe cunha subvención á produción da Xunta

31/07/2026

Nerea Barros remata de filmar en Galicia a súa primeira longametraxe cunha subvención á produción da Xunta

‘O da miña nai’, de Zeitun Films e Cólera Films, preséntase como un poema fílmico autobiográfico

O proxecto recibiu 120.000 euros en 2025 a través das convocatorias de axudas ao audiovisual da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Ribeira (A Coruña), 31 de xullo de 2026

A actriz e directora galega Nerea Barros remata estes días en distintas localizacións da comarca do Barbanza a filmación de O da miña nai, a súa primeira longametraxe, que se desenvolve nunha linguaxe híbrida entre a ficción e o documental cun fondo autobiográfico. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asistiu esta mañá na praia de Castiñeiras, en Ribeira, á gravación dunhas secuencias da película, que conta cunha subvención de 120.000 euros da Xunta de Galicia pola convocatoria á produción e coprodución audiovisual de 2025.

Ademais da dirección e do guión, Nerea Barros asume a interpretación xunto á actriz Carmen Noya. A paisaxe natural, os obxectos da memoria e o espazo sonoro serán elementos importantes na fita, para cuxa banda sonora está prevista a participación de artistas galegos como Mercedes Peón e Abraham Cupeiro.

A rodaxe, cunha duración de catro semanas, arrancou na parroquia compostelá de San Cristovo do Eixo, terra  da familia da protagonista, continuou pola contorna do río Ulla, en Pontevea (Teo) e rematará mañá 1 de agosto no Barbanza.

Rodada en galego e castelán, O da miña nai preséntase como un poema fílmico autobiográfico. Tras a morte do seu pai, Nerea regresa a Galicia para escoitar o murmurio da súa terra e mirar á súa nai como se fora a primeira vez. A cámara convértese nunha forma de estar, de escoitar e de soster. Carmen, de 81 anos, habita unha vida sinxela: o campo, o cemiterio, as partidas de cartas... Nese espazo compartido, a filla busca as pegadas do pai nos xestos da nai e observa sen intervir ata que a emoción a arrastra dentro do plano.

Zeitun Films e Cólera Films, con Felipe Lage e Nerea Barros na produción executiva, respectivamente, asumen este proxecto con parte de financiamento achegado pola devandita liña de apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Por medio desa mesma canle, o Goberno galego contribúe este ano á realización de 22 novos proxectos audiovisuais galegos cun investimento de 3,5 M€.

Comparte