Nova: A Xunta licita as obras de rehabilitación da Capela do Bispo Santo en Foz, na que inviste máis de 100.000 euros

29/07/2026

A Xunta licita as obras de rehabilitación da Capela do Bispo Santo en Foz, na que inviste máis de 100.000 euros

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, explica que se substituirá a cuberta, restauraranse portas e carpintarías, e renovarase a instalación eléctrica e de iluminación, entre outros elementos

Foz (Lugo), 29 de xullo de 2026

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude licitou hoxe as obras de rehabilitación da capela do Bispo Santo de Foz, que contan cun orzamento de 92.792 euros aos que se suman os 8.500 euros investidos no proxecto.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, sinalou que as empresas interesadas en optar á adxudicación teñen de prazo ata o 13 de agosto para presentar as súas ofertas.

Villares visitou a igrexa e explicou que a actuación principal consistirá na substitución da cuberta, instalando un novo entaboado de madeira de castiñeiro con illante térmico e  rematando con cobertura de lousa. O obxectivo é atallar a filtración de humidades, que provocan a colonización e ataques de xilófagos no interior.

Tamén se van restaurar a espadana e a campá, as portas, e os marcos e contras das ventás; abrirase o oco existente no almacén da parte posterior e realizarase unha nova instalación eléctrica e de iluminación que incluirá focos tipo led. 

Villares indicou que a capela, situada no alto da Grela, está incluída polo seu valor no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. “É un elemento esencial do patrimonio cultural, histórico e sentimental de Foz, que acolle cada ano no mes de maio unha das romarías de maior tradición da Mariña, con máis de 300 anos de antigüidade”, afirmou.

Características

As primeiras referencias á capela remiten ao ano 1611, cando o bispo de Mondoñedo deu conta dela ao Rei Felipe III, aínda que se descoñece o ano de construción. É un edificio de planta rectangular, cun arco semicircular na porta de entrada frontal e unha espadana dun só van. Diferénciase doutros templos medievais en que a cabeceira non sobresae ao exterior, estando integrado na cuberta.

Os vans que achegan iluminación ao interior son escasos e moi estreitos, seguindo a tradición das ermidas rurais para facilitar o recollemento dos fieis. Conta cun retablo barroco popular con varias tallas, e destaca a figura de San Gonzalo -o Bispo Santo-  portando os seus atributos episcopais, o báculo e a mitra.

Comparte