Nova: A Xunta incorpora o centro etnográfico O Seixidal nas Somoxas ao Sistema Galego de Centros Museísticos
27/07/2026
A Xunta incorpora o centro etnográfico O Seixidal nas Somoxas ao Sistema Galego de Centros Museísticos
- O Consello autoriza o acordo para a cualificación deste equipamento elevando ata un total de 100 os equipamentos que forman parte desta rede
- O Goberno autonómico valora este conxunto, de xestión municipal, pola relevancia que ten para a preservación e divulgación da cultura rural galega do século XX
- O proxecto, analizado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, reflicte un inventario de 140 pezas, así como a organización de actividades divulgativas ao redor de tarefas agrícolas e a recreación de ambientes das vivendas tradicionais
A Xunta incorpora o Centro Etnográfico O Seixidal, no concello coruñés das Somozas, ao Sistema Galego de Centros Museísticos, elevando ata un total de 100 os equipamentos que forman parte desta rede. Así se deu conta hoxe no Consello da Xunta, onde se autorizou o acordo para a cualificación deste equipamento de xestión municipal. Con este acordo xa son cinco os centros de interpretación que forman parte deste sistema xunto con 71 museos e 24 coleccións museográficas.
Para esta incorporación, o Goberno galego valorou a relevancia deste conxunto, formado por tres edificacións que foron antigas vivendas, un auditorio ao aire libre e unha zona de parcela dedicada a árbores froiteiras e cereais, para a preservación e divulgación da cultura rural galega do século XX. Destácase deste xeito que o complexo, de titularidade municipal, está concibido como un lugar dinámico, participativo e de memoria viva que, ademais de contar con áreas expositivas, tamén está artellado para conectar o patrimonio coas persoas, especialmente coa veciñanza.
Nesta liña, cómpre subliñar que o obxectivo final deste proxecto de carácter local é converterse nun motor cultural e nun espazo de transmisión de coñecemento entre xeracións, con impacto tanto no municipio como na súa comarca. Outro dos aspectos fundamentais que definen a actividade do centro é a súa faceta inclusiva e social, ao integrar nas súas accións a persoas maiores e con diversidade funcional, en liña cos obxectivos da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia.
Desde apeiros agrícolas a demostracións e recreacións de ambiente
A narrativa do Centro Etnográfico O Seixidal céntrase na transformación do mundo rural, mostrando o paso dunha economía tradicional á modernidade, e baséase na recollida de testemuños e historias de vida. Ademais, funciona como un centro cultural aberto con actividades educativas e sociais ao redor de obradoiros sobre a cestería, o pan ou a poda, entre outros.
No seu Plan Museolóxico, analizado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, reflíctese unha colección de 140 pezas de carácter etnográfico. Trátase de obxectos relacionados cos apeiros agrícolas, ferramentas e enxoval doméstico que foron de uso común no rural galego ata ben entrado o século XX. Ademais, cómpre destacar que o bo estado de conservación da maquinaria, aínda en funcionamento, permite realizar demostracións do seu uso nas tarefas agrícolas, organizando accións divulgativas.
A isto súmase o obxectivo de que as propias edificacións sexan unha mostra do tipo de construcións e usos das vivendas tradicionais galegas, sendo o punto de partida para o aproveitamento dun terreo no que se recuperaron plantacións tradicionais e árbores autóctonas. Nesta liña, o centro ofrece unha experiencia inmersiva, priorizando a creación de ambientes que evoquen a vida cotiá da comunidade.
