Nova: A Xunta destinou máis de 1,2M€ a editar 1.200 títulos entre os anos 2022 e 2025
27/07/2026
A Xunta destinou máis de 1,2M€ a editar 1.200 títulos entre os anos 2022 e 2025
- O Consello analiza o informe sobre a evolución das publicacións institucionais que recolle que os formatos máis empregados son carteis, folletos, dípticos, trípticos e libros
- O obxectivo desta labor é poñer á disposición da cidadanía o coñecemento e a información especializada xerada polos organismos públicos autonómicos
- A libraría institucional, as coedicións con empresas privadas e a comercialización directa en arquivos, museos e centros culturais son as canles principais de difusión
A Xunta de Galicia destinou desde o ano 2022 máis de 1,2M€ a editar 1.200 títulos. Así se recolle no informe sobre a evolución das publicacións institucionais do Goberno galego analizado hoxe polo Consello da Xunta no que se dá conta de que os formatos máis empregados son carteis, folletos, dípticos, trípticos e libros.
A actividade editorial da Xunta de Galicia, tal e como se recolle no documento analizado hoxe, responde a necesidades de comunicación específicas coas que se pretende poñer a disposición da cidadanía o coñecemento e a información especializada xerada polos organismos autonómicos. Así mesmo, os datos amosan un equilibrio entre as publicacións en papel e en formato electrónico, cunha consolidación do eido dixital nos últimos anos.
Cómpre destacar que o reto do Executivo autonómico é que o 100% das publicacións que non están destinadas á venda poidan estar dispoñibles en formato electrónico para facilitar o acceso ao coñecemento por parte de toda a cidadanía, en liña cos obxectivos da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, unha normativa impulsada pola Xunta de Galicia, pioneira en Europa e aprobada no Parlamento sen ningún voto en contra.
En canto ás canles de difusión, o Goberno autonómico pon a disposición do público estas publicacións a través da libraría institucional, as coedicións con empresas privadas e a comercialización directa en arquivos, museos e centros culturais. No caso da libraría, cómpre destacar que se trata dunha plataforma electrónica a través da cal a cidadanía e as librarías comerciais teñen acceso a todas as publicacións, tanto de distribución gratuíta como de pago, de calquera departamento ou organismo autonómico.
Atendendo aos distintos departamentos editores, reflíctese que as áreas que lideran a actividade editorial correspóndense coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, cun 38,5% das publicacións, e de Sanidade co 33,7%. A Consellería de Cultura, pola súa banda, é o departamento que edita un maior volume de publicacións en papel, o 74% da súa produción, e o 27,7% dos títulos correspóndense con publicacións venais, é dicir, que se poñen á venta a través das canles de difusión.
O departamento de Sanidade, pola súa banda, destaca porque o 100% dos seus títulos son de carácter non venal e contan cun gran valor informativo para a sociedade. Así mesmo, o 74% da súa actividade céntrase con títulos menores en formato dixital.
Cómpre lembrar que as publicacións oficiais son un soporte informativo e difusor das actividades que desenvolven os distintos organismos da Xunta de Galicia. Con estes escritos perséguese proxectar a actividade gobernamental de cara á sociedade ademais de que actúen como difusoras de coñecemento tanto para favorecer o enriquecemento cultural da cidadanía como para achegarlle información veraz.
