Nova: A Xunta apoia as carreiras musicais de 12 artistas e grupos de Galicia con 150.000 euros

23/07/2026

A Xunta apoia as carreiras musicais de 12 artistas e grupos de Galicia con 150.000 euros

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude resolve a concesión da liña de axudas para proxectos de creación, produción, promoción e difusión musical

As propostas incluídas corresponden a Catuxa Salom, Caamaño&Ameixeiras, Pava, Untovello, Montedapena, Santi Araújo, The Rapants, Monoulious DOP, Felisa Segade, Taïn, O Xoán e Dani Cornes

Recibirán achegas de ata 15.000 euros por proxecto no marco da fórmula creada en 2025 para apoiar as traxectorias artísticas de xeito integral

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2026

A Xunta de Galicia resolveu a concesión  da liña de axudas para proxectos musicais, a través da que contribúe ao impulso das carreiras de 12 artistas e grupos de Galicia cun investimento total de 150.000 euros. Os proxectos subvencionados corresponden a iniciativas de creación, produción, promoción e difusión musical vinculadas a Catuxa Salom, Caamaño&Ameixeiras, Pava, Untovello, Montedapena, Santi Araújo, The Rapants, Monoulious DOP, Felisa Segade, Taïn, O Xoán e Dani Cornes.

O obxectivo desta convocatoria da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, xestionada a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, é contribuír ao desenvolvemento do talento musical galego e consolidar a cadea de valor desta industria cultural. Deste xeito, favorécese a calidade dos proxectos, a profesionalización e a modernización das carreiras artísticas, co foco posto tamén no uso das novas tecnoloxías e na dixitalización.

Inclúense nestas subvencións son empresas e profesionais do management artístico ou da edición fonográfica que traballan no impulso ou na consolidación das carreiras dos devanditos artistas e bandas. As achegas concedidas en contías que podían acadar os 15.000 euros por proxecto destínanse a gastos relacionados coa imaxe de marca, estudos de mercado, estratexias de posicionamento, lanzamento de novos produtos musicais, promoción, gravación ou distribución discográfica.

Impulsar a diversidade do talento musical galego

Os proxectos seleccionados abranguen distintos estilos e fórmulas de creación musical. Catuxa Salom desenvolve unha proposta que combina folk, canción de autora e sonoridades contemporáneas, mentres que o dúo formado por Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras, Caamaño&Ameixeiras, traballa a partir da relación entre a música tradicional e as linguaxes actuais, cunha traxectoria que inclúe actuacións fóra de Galicia.

Pava sitúase no ámbito do pop alternativo e do indie, cun proxecto no que a música se acompaña dunha identidade visual propia. Untovello parte da tradición galega para desenvolver un traballo de experimentación sonora que incorpora ritmos populares e recursos contemporáneos. Pola súa banda, Montedapena presenta unha proposta de pop electrónico na que as letras empregan a ironía e o humor para abordar cuestións persoais e colectivas.

O pop independente e a canción de autor están presentes no proxecto do músico vigués Santi Araújo, que conta con varios traballos publicados. The Rapants sitúase no ámbito do rock en galego e vén desenvolvendo a súa actividade en festivais e salas, mentres que Monoulious DOP combina rock, funk, humor e sátira en lingua galega.

Felisa Segade traballa entre a canción de autora e o folk, cun repertorio centrado na interpretación vocal e na construción narrativa das letras. Taïn combina pop, electrónica e música urbana, e o proxecto de O Xoán, desenvolvido polo actor e músico Xoán Fórneas, céntrase no pop electrónico e no alt-pop en galego. Dani Cornes completa a relación de artistas apoiados cunha proposta de pop-rock de autor e un novo traballo discográfico en desenvolvemento.

A concesión destas subvencións resolveuse en réxime de concorrencia competitiva a partir da valoración das traxectorias das empresas e das formacións musicais para as que se solicitaba a axuda, así como do uso do galego, a presenza feminina en postos relevantes dos proxectos e criterios vinculados á sustentabilidade, igualdade, diversidade e accesibilidade.

Reforzo do apoio ao sector musical

Esta medida dálle continuidade á fórmula posta en marcha en 2025 para acompañar as carreiras musicais de xeito integral, incidindo nas distintas fases do proceso profesional: creación, produción, promoción e difusión. Na pasada edición apoiaronse proxectos de A Banda da Loba, Alana, Crúas, De Ninghures, Fillas de Cassandra, Filloas, Grande Amore, Leticia Rey, Marcos Coll, Mondra, Pablo Sanmamed e Sabela.

Estas subvencións conectan con outras convocatorias e accións da Axencia Galega das Industrias Culturais dirixidas ao sector musical, como as axudas á contratación de grupos galegos nos festivais e nas salas de concertos privadas, así como a presenza da música nos circuítos da Rede Galega de Teatros e Auditorios e Cultura no Camiño ou a organización compartida coa Asociación Galega de Empresas Musicais de PALCO, o novo gran encontro da industria musical galega que terá lugar en novembro.

A Xunta reforza así o seu apoio ao talento musical galego, tanto no ámbito da creación e produción como na difusión, promoción e desenvolvemento profesional dos proxectos, contribuíndo á consolidación dun sector cada vez máis diverso, competitivo e conectado cos públicos.

Comparte