Nova: A Xunta convoca de xeito extraordinario axudas por 1.200.000 euros para a preprodución de futuros filmes galegos

23/07/2026

A Xunta convoca de xeito extraordinario axudas por 1.200.000 euros para a preprodución de futuros filmes galegos

O incremento en 2026 para esta liña de apoio cuadriplica o do 2025 por incluír un apartado específico para paquetes de proxectos, ao que se destinan 900.000 euros

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases da convocatoria, que manterá aberto o prazo de presentación a partir de mañá e ata o 24 de agosto 

As subvencións están cofinanciadas con fondos FEDER da Unión Europea e impulsan a posta en marcha de películas e series cara á súa rodaxe nos vindeiros anos

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2026

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases reguladoras das axudas para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos, ás que este ano destina de xeito excepcional 1.200.000 euros. O incremento do orzamento, que cuadriplica o disposto no pasado para esta mesma liña de apoio, responde á inclusión dunha modalidade específica para que as empresas poidan presentar varias propostas agrupadas nun mesmo paquete de accións.

Segundo se detalla na convocatoria, poderán optar a estas subvencións as persoas físicas ou xurídicas constituídas como produtoras audiovisuais independentes e que teñan, cando menos, un ano de antigüidade sen interrupción na súa actividade. O prazo de presentación de propostas estará aberto a partir de mañá e ata o vindeiro 24 de agosto.

Do devandito investimento total, que canaliza cara ás empresas a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, 400.000 euros correspóndenlle á Xunta de Galicia (100.000 máis que en 2025) e 800.000 son achegados polos fondos FEDER no marco do programa operativo Galicia 2021-2027.    

Cobertura de custos previos á produción

Estas axudas diríxense a facilitar a posta en marcha de futuras películas e series galegas, incidindo no apoio económico para levar a cabo os traballos de preprodución nas fases máis iniciais dos proxectos. Contémplanse, deste xeito, os custos de persoal, asesoría e consultaría, elaboración de materiais previos, gastos relacionados cos guións e as músicas e mesmo a loxística e participación nos foros e mercados especializados con seccións de apoio ao desenvolvemento audiovisual. 

Ademais, a fórmula de apoio a través dos paquetes que suman varias propostas permítelles ás empresas unha mellor planificación a medio prazo en canto a xestión de recursos e fomento do emprego.

Para chegar ás pantallas, nos anos seguintes os proxectos poderán optar ás subvencións da Xunta e doutros organismos estatais e europeos para continuar coa súa produción ou coprodución e rodaxe, así como para a súa difusión e circulación. 

Concorrencia competitiva

A dotación da convocatoria, que se resolverá en réxime de concorrencia competitiva, está repartida entre 300.000 euros para a categoría de proxectos individuais e 900.000 para a de paquetes integrados pola suma de tres ou catro proxectos. Dispón tamén que as axudas poden chegar ata os 30.000 euros no caso de longametraxes de animación e series de ficción ou animación, ata 25.000 euros para longas de ficción e ata 20.000 euros para series ou longametraxes cinematográficas documentais.  

A liña de subvencións ao desenvolvemento forma parte do investimento directo no sector audiovisual a través do programa anual de apoio por valor de 8 M€ executado pola Xunta de Galicia para acompañar economicamente as empresas en todo o proceso (preprodución, promoción de talento na creación, difusión e distribución). No pasado 2025, foron 14 as empresas produtoras que resultaron beneficiarias dos 300.000 euros adxudicados por esta canle.

 

Comparte