Nova: Rueda destaca o libro ‘Miradas do Camiño’ de Manuel Quintana Martelo como obra clave para achegarse aos sentimentos dos peregrinos na ruta xacobea
22/07/2026
Rueda destaca o libro ‘Miradas do Camiño’ de Manuel Quintana Martelo como obra clave para achegarse aos sentimentos dos peregrinos na ruta xacobea
Salienta o carácter intimista á vez que universal desta publicación que recompila acuarelas do autor, baseadas na súa propia experiencia camiñando cara a Santiago
Destaca que a Xunta xa traballa para ofrecer unha programación ampla, diversa e por todo o territorio con motivo do Xacobeo 2027
Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o libro Miradas do Camiño, de Manuel Quintana Martelo, como unha obra clave para coñecer os sentimentos e as vivencias que experimentan os peregrinos cara a Santiago e atraer a máis camiñantes ás rutas xacobeas.
O titular do Goberno galego salientou que a publicación -que recompila acuarelas do autor baseadas en momentos vividos a través dos diferentes Camiños de Santiago que completou nos últimos anos- ten a característica de ser unha obra intimista á vez que universal. Por unha parte, o artista ofrece unha mirada íntima e reflexiva sobre a súa propia experiencia da peregrinaxe e, por outro, alude a sensacións coas que se pode identificar calquera camiñante.
Rueda, que estivo acompañado do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, agradeceu ao autor a publicación desta obra ás portas do Xacobeo 2027, que supón un escaparate único para Galicia e no que a Xunta xa traballa para poñer en marcha unha programación ampla, diversa e que chegue a todo o territorio. O presidente puxo en valor o talento de artistas como Manuel Quintana, cuxa traxectoria e obras levan o nome da comunidade polo mundo e son un exemplo da Galicia Calidade que identifica e singulariza ao territorio.

