Nova: A Xunta achega 300.000€ para dotar o concello de Friol dun edificio que albergue unha biblioteca e o museo do queixo e do pan
21/07/2026
A Xunta achega 300.000€ para dotar o concello de Friol dun edificio que albergue unha biblioteca e o museo do queixo e do pan
- O Consello dá luz verde á sinatura do convenio entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o Goberno local para executar as obras no actual xulgado de paz
- O executivo autonómico cumpre co seu obxectivo de equipar os municipios das infraestruturas culturais axeitadas para dar o mellor servizo á veciñanza
- O proxecto contempla o derrubamento do inmoble para crear un espazo bibliotecario e poñer en valor os grandes baluartes gastronómicos da localidade
A Xunta de Galicia destinará 300.000€ a levar a cabo un proxecto de execución dun edificio dotacional na localidade lucense de Friol para albergar a biblioteca municipal e o museo do queixo e do pan. Así, o Consello autorizou hoxe un convenio entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o Goberno local, por un valor total de 343.000€, para que o municipio conte cun espazo que funcione como dinamizador cultural e centro de cohesión social.
A actuación contempla a demolición do actual inmoble que acolle o xulgado de paz e que presenta deficiencias construtivas importantes, polo que se pretende o seu derrubamento para realizar unha construción adecuada ás novas funcións enfocadas en combinar a actividade bibliotecaria coa preservación da identidade local.
Deste xeito, para este 2026 están asignados 29.000€ dirixidos á redacción do proxecto básico de execución, a realizar estudos de seguridade, a levar a cabo diversos traballos previos, a proceder á demolición e ao acondicionamento do terreo. Mentres, para o 2027 a partida é de 271.000€ e destinaranse a continuar coa cimentación, levantar as estruturas e construír cubertas e fachadas, así como a desenvolver as distintas instalacións e a urbanizar o patio exterior.
Con esta nova actuación, o Goberno galego responde ao seu compromiso de achegar a cultura a todo o territorio nas mellores condicións, facilitando o acceso da sociedade ao coñecemento poñendo ao seu dispor equipamentos nos que se poida ofrecer un servizo de calidade.
Concretamente, esta infraestrutura permitirá ao concello lucense contar cun centro esencial como é unha biblioteca de referencia para toda a área, que contribúa ao acceso á información e á cultura eliminando todo tipo de barreiras, en liña coa Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia. A isto súmaselle o espazo dedicado ao museo do queixo de Friol e do pan de Ousá, que porá en valor estes dous grandes baluartes gastronómicos da zona e servirá tamén como un escaparate vivo que proxectará a comarca cara ao exterior.
