Nova: Rueda destaca que a Xunta leva a candidatura da Ribeira Sacra ao comité de Patrimonio Mundial que comeza hoxe en Corea
20/07/2026
Rueda destaca que a Xunta leva a candidatura da Ribeira Sacra ao comité de Patrimonio Mundial que comeza hoxe en Corea
O conselleiro de Cultura salienta a singularidade da paisaxe e o patrimonio hidráulico como os principais elementos para obter este recoñecemento da Unesco
Os 33 expedientes presentados serán avaliados por unha vintena de expertos entre as xornadas do venres e o luns
O presidente destaca que a Xunta investiu “8 M€ na conservación de bens da Ribeira Sacra” e levou a cabo 90 actuacións en colaboración con outras administracións e entidades
Santiago de Compostela , 20 de xullo de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor a candidatura “sólida, rigorosa e novidosa” que o Goberno autonómico presenta da Ribeira Sacra ante o Comité de Patrimonio Mundial que comeza hoxe na República de Corea. Unha proposta que fai fincapé na singularidade da paisaxe e o patrimonio hidráulico desta zona para acadar o recoñecemento que concede a Unesco.
Rueda lembrou que a Xunta investiu 8 millóns de euros nos últimos anos na conservación de bens da Ribeira Sacra e que levou a cabo 90 actuacións en colaboración con outras administracións e entidades. Nesta liña, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, resaltou que esta “candidatura de país” xa permitiu que a Ribeira Sacra “sexa un territorio máis vivo, coidado e recoñecido”
Tal e como se deu conta no Consello de hoxe, o Comité que arranca hoxe en Corea e que se celebrará ata o vindeiro 29 de xullo, contará coa asistencia do director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, que estará acompañado polo coordinador da candidatura da Ribeira Sacra, Mario Crecente. Así mesmo, tamén está prevista a asistencia do embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta, así como de representantes do Ministerio de Cultura e do de Asuntos Exteriores, UE e Cooperación.
En total, serán 33 os expedientes que serán avaliados nesta sesión co fin de acadar o máximo recoñecemento patrimonial por parte da Unesco. Esta valoración farase ao longo das xornadas do venres, do sábado, do domingo e do luns. A programación rematará o mércores 29 coa aprobación do informe final, a adopción de decisións e a clausura oficial do Comité. A previsión, segundo explicou o conselleiro, é que a resolución sobre a candidatura galega coñezase “entre o domingo 26 e o luns 27”.
Cómpre lembrar que este encontro se leva a cabo na cidade de Busán, onde o expediente será analizado por 21 embaixadores de Estados membros. En concreto, avaliarán a candidatura da Ribeira Sacra os países de Armenia, Acerbaixán, Bangladesh, Chequia, Granada, Xamaica, Kazakistán, Kenia, Kuwait, Líbano, Mongolia, Perú, Polonia, República de Corea, Senegal, Suíza, Togo, Turquía, Ucraína, República Unida de Tanzania e Vietnam.
Rueda lembrou que a candidatura da Ribeira Sacra chega ao Comité de Patrimonio Mundial “despois dun longo traballo iniciado hai décadas e ao abeiro do traballo coordinado entre o Goberno galego, o embaixador de España ante a Unesco e o Ministerio de Cultura”. Así, o informe que se valorará esta semana en Corea é o resultado do traballo feito tras o aprazamento estratéxico decidido no ano 2021 para reformular, revisar, fortalecer e mellorar o expediente elaborando contidos específicos que afonden nos valores da Ribeira Sacra e impulsen a súa candidatura co máximo rigor e calidade.
Trátase, en definitiva, dunha proposta sólida, rigorosa e novidosa que se basea nos atributos excepcionais e únicos desta paisaxe construída co uso da auga e que non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial. Deste xeito, buscouse deixar constancia do carácter único deste territorio amosando desde a espectacularidade dos canóns e vales fluviais esculpidos pola auga ata o relevante do seu patrimonio hidráulico, con infraestruturas que teñen chegado aos nosos días como muíños, centrais ou os saltos impresionantes de auga.
De xeito paralelo aos traballos técnicos da candidatura, a Xunta de Galicia, como mostra do seu compromiso para que Ribeira Sacra sexa un territorio máis vivo e recoñecido, traballou na conservación e posta en valor de diferentes bens patrimoniais desta comarca da provincias de Lugo e Ourense. Así, ao longo deste período, a Administración autonómica executou, en solitario ou en colaboración con outras institucións e concellos, diferentes actuacións tanto en materia arquitectónica como arqueolóxica en diferentes bens como igrexas, mosteiros, museos, castros ou xacementos romanos, entre outros.





