Nova: Anxo M. Lorenzo pon en valor “o gran servizo que ofrecemos coas tres rutas de A Furgoteca para achegar a cultura a todas partes”

17/07/2026

Anxo M. Lorenzo pon en valor “o gran servizo que ofrecemos coas tres rutas de A Furgoteca para achegar a cultura a todas partes”

Destaca que o encontro que acollerá a Cidade da Cultura “será unha grande oportunidade de compartir experiencias doutros territorios e mellorar este recurso”

Lembra que os percorridos que se fan en Galicia alcanzaron no 2025 a 10.300 persoas a través de 560 actividades e aumentaron os préstamos nun 37% 

Os relatorios van desde o uso das tecnoloxías nos servizos bibliotecarios móbiles ata a planificación destas redes ou técnicas para o fomento lector

O prazo de inscricións para asistir a esta cita xa está aberto ata o 30 de setembro

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2026

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, puxo en valor hoxe “o gran servizo de dinamización cultural e fomento da lectura que ofrecemos desde a Xunta a través de A Furgoteca, coa que chegamos a 30 concellos de Ourense e Lugo que non contan con equipamentos bibliotecarios”. Fíxoo na presentación do XII Congreso Nacional de Bibliotecas Móbiles, un encontro que este ano se vai celebrar na Cidade da Cultura, do 23 ao 25 de outubro, coa colaboración do Goberno galego.

Así, baixo o lema Bibliobuses. Dereitos sen barreiras, a cita contará con relatorios que serán “unha oportunidade de compartir as experiencias dos distintos territorios ao redor das bibliotecas móbiles para seguir mellorando entre todos”, resaltou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude durante un acto no que estivo acompañado por Roberto Soto, presidente da Asociación de Profesionales de Bibliotecas Móviles.

Nesta liña, Anxo M. Lorenzo lembrou que as tres rutas que viaxan con libros e actividades polo interior de Galicia “responden ao noso compromiso de achegar a cultura a todas partes de acordo coa Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia”. Ademais, engadiu, “trátase dun importante recurso no marco da programación da campaña de verán Para gustos, cultura, co que chegamos este ano 200 concellos”.

Deste xeito, cómpre destacar que A Furgoteca levou a cabo no 2025 un total de 560 actividades culturais ás que asistiron 10.300 persoas, mentres que os préstamos medraron un 37% con respecto ao ano anterior chegando aos 1.799 usuarios.

O representante da Xunta mostrou a súa ledicia porque Galicia acolla este ano un congreso para o que está aberto o prazo de presentación dos relatorios, cuxo contido deberá estar centrado na aplicación das tecnoloxías nos servizos bibliotecarios móbiles, na planificación e organización deste tipo de redes, e nas técnicas para o fomento lector a través desta ferramenta. Para participar na exposición de casos pódense enviar as propostas a bibliobuses@aclebim.es.

Por outra banda, xa está aberto un formulario de inscricións para asistir ao congreso que estará operativo ata o 30 de setembro.

Comparte