Nova: A Xunta abre o prazo para que as salas de cine soliciten as axudas convocadas este ano por máis de 480.600 euros

16/07/2026

A Xunta abre o prazo para que as salas de cine soliciten as axudas convocadas este ano por máis de 480.600 euros

— A medida incrementa un 3,3 % a súa dotación respecto a 2025 para o fomento de proxectos de captación de público e programacións de cine galego, europeo ou de países con baixa representación nas pantallas

— As empresas titulares de cinemas galegos poderán presentar as súas propostas a partir de mañá e ata o 17 de agosto

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2026 .- A Xunta de Galicia abre a partir de mañá 17 de xullo ás 9,00 h. e ata o vindeiro 17 de agosto ás 20,00 h. o prazo de presentación ás subvencións para o desenvolvemento de actividades en salas cinematográficas de carácter comercial, convocadas este ano por 480.654 euros. A dotación desta liña de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude incrementa nun 3,3 % a consignada o pasado ano e destínase ao deseño e execución de accións dirixidas a diversificar a oferta de contidos, fidelizar públicos e garantir a pervivencia dos cinemas galegos, con especial atención aos espazos situados en pequenas poboacións.

 

As bases, publicadas no Diario Oficial de Galicia o pasado 6 de xullo, especifican que poden ser beneficiarias destas axudas as persoas autónomas e empresas titulares de salas de exhibición comercial de cine situadas en Galicia. Con esta iniciativa, a Xunta reforza o seu compromiso co sector da exhibición cinematográfica, promovendo a sustentabilidade das salas como espazos culturais representativos, de socialización e integradores, así como a accesibilidade da cidadanía á creación audiovisual galega e europea.

 

Achegas adicionais en concellos de menos de 25.000 habitantes

A contía máxima das adxudicacións poderá chegar ao 100% do custe das actividades, co tope de ata 12.000 euros en salas de entre unha ou dúas pantallas, 15.000 euros para entre tres e cinco pantallas e ata 18.000 euros no caso de espazos con seis ou máis pantallas. Do mesmo xeito que o pasado ano, estas cantidades poden incrementarse en 3.000 euros máis no caso de recintos situados en concellos con menos de 25.000 habitantes. Ademais, as salas que durante o período subvencionable programen máis do 50% de títulos non nacionais e os proxecten en versión orixinal subtitulada tamén poden lograr un incremento de 3.000 euros da contía base.

 

O período de desenvolvemento dos proxectos subvencionables será desde o 1 de xaneiro ao 8 de novembro de 2026 para as persoas non beneficiarias da convocatoria de 2025 e do 1 de xullo ao 8 de novembro de 2026 para as que xa foron adxudicatarias o pasado ano.

 

Cobertura para materiais técnicos e programacións

Con esta canle de apoio daráselle cobertura a gastos relacionados coa modernización de sistemas dixitais de proxección, audio e conectividade, actualización dos sistemas de venda e control de entradas, comunicación e márketing dixital, contratación de películas de produción europea ou de terceiros países con baixa presenza nas cotas de pantalla e custos de persoal.

 

Impulsaranse proxectos destinados á aplicación de novas tecnoloxías, campañas orientadas á  dinamización e captación de público, programacións especiais ou regulares de cine galego de ficción, animación ou documental na súa versión orixinal de rodaxe e de cinema europeo ou de terceiros países con pouca representación nas pantallas.

 

A Xunta colabora así na continuidade dos cines de Galicia fronte aos cambios de hábito de consumo, a irrupción das plataformas de vídeo baixo demanda e a dependencia de películas de grandes estudos non europeos, factores que condicionan a programación das carteleiras.

 

A convocatoria forma parte da política de apoio integral ao sector audiovisual executada polo Goberno galego, unha canle de financiamento que incide nas distintas fases de produción e distribución e para a que este ano está previsto o investimento duns 8 M€.

Comparte