Nova: A Xunta pon en valor nunha exposición da Fundación Cela o papel de Padrón na rodaxe de ‘La Casa de Troya’

16/07/2026

A Xunta pon en valor nunha exposición da Fundación Cela o papel de Padrón na rodaxe de ‘La Casa de Troya’

O director xeral de Cultura destaca que “se trata dun dos primeiros audiovisuais galegos e que se converteu nun fito cultural imprescindible do seu tempo”

A iniciativa, comisariada pola investigadora Estíbaliz Santamaría, reúne fotografías históricas da filmación, material gráfico e recursos divulgativos sobre a relevancia da película e a súa vinculación co territorio

Anxo M. Lorenzo salienta que a mostra, que poderá visitarse ata o 28 de agosto, completarase cunha proxección especial ao aire libre con música en directo

Trátase do primeiro proxecto desta institución pública baixo a nova dirección de Chus Martínez  

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2026

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe na Casa-Museo da Fundación Pública Galega Camilo José Cela a exposición Padrón, escenario de cinema, coa que o Goberno galego pon en valor o papel que xogou o concello coruñés de Padrón na rodaxe de La Casa de la Troya, “un dos primeiros grandes filmes audiovisuais galegos, que se converteu nun fito cultural imprescindible do seu tempo”, aseverou.

Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude lembrou que este filme de Alejandro Pérez Lugín, baseado na súa célebre novela homónima rodouse en 1924 en Galicia, “e supuxo unha das primeiras superproducións do cinema mudo, converténdose nun fito da difusión internacional do cinema galego”.

Precisamente, salientou que, aínda que Santiago de Compostela foi o principal escenario da rodaxe, “a película contou tamén con localizacións no concello de Padrón”. En concreto, referiuse á presenza do conxunto histórico paisaxístico de Padrón e Iria Flavia, incluída a Fonte do Carme e a Igrexa de Santa María, “formando parte deste valioso testemuño visual da paisaxe e do patrimonio histórico de Galicia”.

Por estes motivos, Anxo M. Lorenzo explicou que, coincidindo co centenario da primeira versión cinematográfica de La Casa de la Troya (1925–2025) e do falecemento de Alejandro Pérez Lugín (1870–1926), a Fundación Camilo José Cela pon en marcha esta mostra, comisariada por Estíbaliz Santamaría, investigadora, musicóloga e profesora da Florida International University, “para dar a coñecer a relevancia da película e a súa vinculación con este territorio”. Ademais, apuntou que a nai do autor e director era prima de Rosalía de Castro, “reforzando os vínculos familiares do autor con esta vila”.

Proxección ao aire libre con música en directo

O director xeral de Cultura precisou que a exposición, que poderá visitarse ata o 28 de agosto, exhibe fotografías históricas da rodaxe, material gráfico e recursos divulgativos. Ademais, como actividade complementaria, avanzou que, o 7 de agosto, os xardíns do Museo Camilo José Cela acollerán unha proxección especial ao aire libre de La casa de la Troya, acompañada da música en directo, composta para a ocasión, e interpretada por Caspervek xunto con convidados especiais.

“Esta proposta permitirá recuperar a experiencia do cinema mudo e reforzar os vínculos entre patrimonio, memoria e cinema”, salientou Anxo M Lorenzo sobre este proxecto, do que puxo en valor que se trata do primeiro con Chus Martínez á fronte da dirección da Fundación Pública Camilo José Cela.

 O representante da Consellería de Cultura lembrou que citas coma esta están enmarcadas dentro do programa Para gustos, cultura, que promove o Goberno galego, con 3.600 actividades en máis de 200 concellos de toda a Comunidade. Entre os plans culturais que se ofertan atópanse propostas infantís, festivais, música, novo circo, teatro, exposicións ou danza, un amplo abano de iniciativas para todos os gustos e idades que se desenvolverán durante esta tempada estival.

Comparte