Nova: A Xunta reafirma a súa colaboración coa asociación Escena Galega para continuar co avance do sector como industria cultural

13/07/2026

A Xunta reafirma a súa colaboración coa asociación Escena Galega para continuar co avance do sector como industria cultural

  • Apróbase a renovación do convenio cunha dotación de 28.000 euros co obxectivo de  sufragar labores de asesoramento nas áreas legal, de administración, difusión e comunicación
  • O acordo inclúe a celebración da sexta xornada de venda e promoción escénica, que terá lugar o vindeiro 20 de outubro na Cidade da Cultura de Galicia

O Consello da Xunta aprobou hoxe a renovación do convenio de colaboración coa Asociación de Empresas de Artes Escénicas-Escena Galega por valor de 28.000 euros, dotación destinada a distintas actividades promovidas polo colectivo cara a progresar na profesionalización do sector e reforzar a súa posición como industria cultural dedicada á produción de espectáculos de teatro, danza e artes do movemento, novo circo e ilusionismo.

 

O acordo, enmarcado na liña de dinamización cultural de asociacións, federacións e colectivos do eido escénico, musical e audiovisual dentro da planificación estratéxica da Axencia Galega das Industrias Culturais, dálle continuidade ao texto asinado en 2025. Así,  prevese o mantemento de Acompaña, proxecto de consultaría personalizado nas áreas de xestión económica e empresarial, de comunicación, de distribución e de asesoramento lingüístico. Tamén contempla os labores necesarios para a aplicación nas compañías galegas de ferramentas e accións que se prestan a través da Federación Estatal de Asociacións de Empresas de Teatro e Danza, así como a celebración da cuarta edición dos Recoñecementos Escena Galega, outorgados o pasado 30 de xuño para distinguir a dedicación especial das persoas e a excelencia dos proxectos.

 

Entre as futuras iniciativas propostas que serán apoiadas mediante este convenio, destaca a celebración da sexta xornada de venda e promoción escénica, dirixida aos profesionais da programación cultural de Galicia e do norte de Portugal, que terá lugar o vindeiro 20 de outubro na Cidade da Cultura de Galicia mediante a concertación de reunións de negocio e cunha sección de presentacións de espectáculos a cargo dos seus artífices e protagonistas.

 

Escena Galega é actualmente a entidade que aglutina o maior peso específico dentro do sector, xa que integra 55 compañías e empresas produtoras nas distintas disciplinas. Como entidade asociativa leva desenvolvendo de forma continuada un programa de actividades e servizos de carácter colectivo e asistencial que inciden na defensa e potenciación das artes escénicas no seu conxunto de cara á súa modernización sen perder a identidade propia das compañías como motores creativos.

Comparte