Nova: A Xunta achega 99.300€ para mellorar o equipamento do autorio José Gil, no municipio pontevedrés das Neves
13/07/2026
A Xunta achega 99.300€ para mellorar o equipamento do autorio José Gil, no municipio pontevedrés das Neves
- O Consello dá luz verde á sinatura do convenio entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o Concello para as actuacións a realizar durante 2026 e 2027
- O proxecto dotará ao espazo escénico e cultural máis importante desta localidade dunhas infraestruturas modernas, eficientes e adaptadas ás necesidades actuais
- O investimento vai na liña do Goberno galego de modernizar as instalacións para acoller e desenvolver estas actividades por todo o territorio e tamén da folla de ruta da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia
O Goberno galego achegará máis de 99.300€ para mellorar o equipamento do Auditorio José Gil, o espazo escénico e cultural máis importante do municipio pontevedrés das Neves, despois de que o Consello da Xunta dese luz verde ao convenio entre a Consellería de Cultural, Lingua e Xuventude e o Concello para pór en marcha estas actuacións, que se levarán a cabo durante os anos 2026 e 2027.
Deste xeito, o departamento de Cultura do Goberno autonómico destinará máis de 39.600 euros a levar a cabo estas melloras, ao longo deste mesmo ano, mentres que a outra partida de máis de 59.600 euros estará destinada para obras que se desenvolverán ao longo de 2027, co obxecto de que este espazo conte cunhas infraestruturas modernas, eficientes e adaptadas ás necesidades actuais.
Cómpre incidir en que o Auditorio Jose Gil constitúe unha infraestrutura cultural estratéxica para Concello das Neves, cun papel fundamental na celebración de actividades culturais, representacións teatrais, concertos, proxeccións audiovisuais, eventos educativos e actos institucionais.
Modernizar as instalacións
No entanto, na actualidade, o inmoble presenta importantes carencias derivadas do paso do tempo e da obsolescencia das instalacións existentes, especialmente nos sistemas de iluminación e son. Polo tanto, as actuacións recollidas no convenio procuran modernizalas para garantir o correcto desenvolvemento da programación cultural, educativa e social nesta localidade. En concreto, consistirán na renovación integral do sistema de iluminación, do equipamento de son, da carpintería interior, dos revestimentos e tamén doutros elementos escénicos e funcionais do espazo.
Desta forma, xa no mesmo 2026 acometeranse traballos de renovación do alumeado interior e tamén do escenario, ao tempo que a renovación dos equipos de son, mentres que os traballos de carpintería, revestimentos e equipamentos serán executados ao longo do ano 2027.
Deste xeito, o Goberno galego continúa na súa liña de procurar as mellores infraestruturas culturais en todo o territorio da Comunidade para ofrecer un servizo de calidade á cidadanía, en liña da Lei da cultura inclusiva e accesible de Galicia, xa que se está ante unha infraestrutura relevante á hora de garantir e facilitar o acceso á programación e creación cultural, independentemente do territorio no que unha persoa viva.
