Nova: A xunta destina 158.000€ a renovar a cuberta do equipamento cultural Casa do Marqués en Sarria

13/07/2026

A xunta destina 158.000€ a renovar a cuberta do equipamento cultural Casa do Marqués en Sarria

  • O Consello dá luz verde á sinatura do convenio entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o Concello para levar a cabo a actuación
  • O investimento vai na liña do Goberno galego de procurar as mellores infraestruturas ao longo de todo o territorio para desenvolver actividades
  • O espazo, un edificio de estilo indiano, acolle unha continuada programación que contribúe á dinamización e participación cidadá
  • Os traballos, divididos en dúas anualidades, consisten en substituír a actual infraestrutura de zinc por outra do mesmo material

A Xunta de Galicia achegará 158.000€ para levar a cabo a substitución da cuberta do inmoble coñecido como Casa do Marqués no concello de Sarria, un espazo localizado no ámbito da Praza da Vila que acolle de maneira continuada diversas iniciativas culturais e funciona como un equipamento de referencia para as actividades do municipio.

 

Faino a través dun convenio autorizado hoxe polo Consello da Xunta entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o Concello de Sarria para realizar esta actuación á que se destinan 40.500€ nesta anualidade e 117.600 no 2027. Deste xeito, o Goberno galego continúa na súa liña de procurar as mellores infraestruturas culturais ao longo de todo o territorio para ofrecer un servizo de calidade á cidadanía.

 

Neste senso, o investimento responde ás necesidades de acondicionamento dun inmoble esencial para a dinamización cultural da localidade e participación da veciñanza a través das programacións tanto da propia administración local como doutras entidades e asociacións. Ademais, o edificio, de estilo indiano, ten o valor engadido de figurar no catálogo de elementos de protección especial por razóns históricas, artísticas, monumentais, tradicionais ou diferenciais do núcleo urbano do municipio, así como no ámbito de delimitación do BIC do Camiño Francés.

 

Os traballos consistirán en substituír a actual cuberta de zinc por outra do mesmo material. Aínda que ao longo do tempo xa se realizaron distintas reparacións e actuacións puntuais, a estrutura segue a presentar un avanzado estado de deterioración, con numerosas filtracións de auga que están a provocar un progresivo empeoramento da súa conservación, circunstancia que pode derivar en danos de maior gravidade no resto da edificación e comprometer a preservación do inmoble.

 

Centro de dinamización e cohesion social

A localización céntrica da Praza da Vila e da Casa do Marqués, xunto coa súa proximidade ao casco histórico de Sarria e ao paso do Camiño Francés, converten este enclave nun punto de encontro habitual para veciñanza, visitantes e persoas peregrinas, favorecendo a convivencia, a difusión cultural e a proxección exterior do municipio. Así, desde a Xunta valorouse a achega conforme á importancia para a cohesion social e acceso á cultura destas instalacións, que contribúen a cumprir cos obxectivos marcados na Lei de cultura inclusiva e accessible de Galicia.

 

 

Comparte