Nova: A Xunta leva a Lugo a exposición de rúa ‘Botamos un baile?’ para pór en valor a historia das orquestras en Galicia

14/07/2026

A Xunta leva a Lugo a exposición de rúa ‘Botamos un baile?’ para pór en valor a historia das orquestras en Galicia

O proxecto nace a raíz dunha mostra que acolleu a Biblioteca de Galicia en 2023, agora adaptada a un formato de rúa que está a viaxar por vilas da Comunidade

Ana Isabel Vázquez salienta a importancia de homenaxear “o legado cultural dunhas agrupacións que mobilizan cada ano a milleiros de persoas”

A mostra enmárcase nas itinerancias da Cidade da Cultura que forman parte da campaña de verán do Goberno galego ‘Para gustos, cultura’

Lugo, 14 de xuño de 2026

 A directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, inaugurou hoxe en Lugo a mostra Botamos un baile? Un século de orquestras de verbena en Galicia, que exhibe a evolución destas agrupacións desde principios do século XX ata a actualidade. O proxecto, que forma parte das itinerancias expositivas da Cidade da Cultura incluídas na programación da campaña de verán Para gustos, cultura, pode visitarse ata o 31 de agosto na Praza Maior.

No acto de apertura, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude explicou que a mostra afonda nas transformacións históricas e culturais das formacións musicais populares galegas ao longo do tempo. Neste senso, destacou o grande impacto económico, social e cultural “dunhas agrupacións que mobilizan cada ano a milleiros de persoas, así como da influencia que teñen na música galega actual”.

Así mesmo, Ana Isabel Vázquez precisou que este proxecto nace dunha exposición que acolleu a Biblioteca de Galicia en 2023 e fai repaso a un tema con fonda pegada na sociedade galega, pero pouco analizado academicamente. Na mesma liña, Ana Isabel Vázquez sinalou a importancia de “achegar esta mostra a toda a sociedade para pór en valor o legado cultural das orquestras de verbena na nosa Comunidade”.

Lugo convértese na sétima localidade galega en acoller a exposición Botamos un baile? Un século de orquestras de verbena en Galicia, que pasou por Ponteareas, Baiona, Ribadavia, Guitiriz, Sanxenxo e Viveiro no marco do programa de itinerancias da Cidade da Cultura, que ten como finalidade levar a outros lugares de Galicia e España contidos culturais que se xestan no Gaiás. Ao respecto, cómpre lembrar que en 2025 realizáronse 11 proxectos itinerantes que acadaron preto de 70.000 visitantes.

Un século de orquestras de verbena en Galicia

A mostra da Xunta de Galicia está baseada nun estudo da Universidade de Santiago de Compostela titulado Do palco ao escenario, coordinado por Xaime Fandiño e do que son partícipes Zósimo López e Henrique Neira, comisarios desta exposición. Cun deseño de Fausto Isorna, conta a evolución da verbena galega ao longo dun século amosando imaxes de programas de festas, fotografías e, sobre todo, carteis de estilos moi diferentes. A través destas pezas pódese apreciar a adaptación a cada época dun xeito de lecer arraigado en Galicia, cun tecido económico propio do sector, en constante desenvolvemento e innovación.

As verbenas galegas adquiriron personalidade propia ao longo do século XX, vendo como as gaitas do país e as bandas de música incorporaron ritmos importados de América como o charleston, o fox-trot ou o jazz. A súa expansión consolidouse tras a Guerra Civil, coa recuperación das festas de barrios nos anos 40, e viviron un grande auxe nos 80 grazas á visibilidade da Radio Televisión de Galicia.

Nos anos 90, o sector afrontou unha crise marcada pola competencia das discotecas e macroconcertos, que obrigou ás orquestras a reinventarse cun enfoque centrado no espectáculo. Entre 2012 e 2019, adaptáronse aos gustos da mocidade e renovaron os seus formatos. A pandemia de 2020 supuxo un novo reto, pero tamén deu paso a propostas musicais que reivindican a verbena como parte esencial da identidade cultural galega.

Comparte