Nova: Maricarme e Unto Vello refrescan os concertos de ‘Atardecer no Gaiás’ con novo folclore galego
14/07/2026
Maricarme e Unto Vello refrescan os concertos de ‘Atardecer no Gaiás’ con novo folclore galego
O trío formado por Cibrán Seixo, María Jorge e Migui Carballido presentará o xoves 16 un adianto do seu primeiro EP, que mestura instrumentos acústicos e electrónicos
Unto Vello mostrarán o venres 17 o seu traballo a partir de melodías tradicionais ás que engaden novos arranxos e musicalidades co acordeón
Ambos os dous concertos serán na Praza Central da Cidade da Cultura, a partir das 21,00 horas e con entrada de balde
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2026
O ciclo de concertos gratuítos Atardecer no Gaiás organizados pola Xunta de Galicia estará dedicado esta semana a dúas bandas do novo tradi galego, Maricarme e Unto Vello. Ambas as dúas propostas recollen melodías do folclore que actualizan sen perder a súa esencia a partir de novos arranxos e instrumentación contemporánea. Os concertos serán o xoves 16 e venres 17 a partir das 21,00 horas na Praza central da Cidade da Cultura.
Maricarme presentará o xoves 16 de xullo en Atardecer no Gaiás un adianto do que será o seu primeiro EP, con temas como Eu non quero té, nos que mesturan violíns, pandeiros, bouzouki e electrónica nun son fresco e actual que transita entre a tradición oral e as composicións propias. Este supertrío do novo folk galego nace da unión de tres artistas cunha recoñecida traxectoria na escena: Cibran Seixo (Davide Salvado, Abraham Cupeiro), María Jorge (Caldo, Mercedes Peón) e Migui Carballido (Zeltia Irevire, Mäi) e o seu directo escoitouse xa no Festival Maré, Festiletras ou na Foliada da Fonsagrada.
O venres 17 subirán ao escenario da Cidade da Cultura Unto Vello, dúo formado polos mozos Bieito Pereira e Xabi Gómez. O seu traballo rende homenaxe ás cantareiras e reinterpreta a música tradicional engadindo novas musicalidades co acordeón. Foron finalistas dos Premios Martín Códax da Música en 2025 e están de xira para presentar o seu primeiro disco, Inmaterial, publicado a comezos deste mesmo ano.
Os concertos de Atardecer no Gaiás continúan o xoves 23 con Bala, unha das bandas galegas de rock con maior proxección internacional. Ata o 14 de agosto, pasarán tamén pola Cidade da Cultura Sheila Patricia, Lisdexia, Galician Army e Turista Sueca. Ademais, o venres 13 de agosto haberá unha xornada dedicada á música urbana coa segunda edición do Atardecer Fest.
O ciclo, que volve contar nesta décimo sexta edición coa colaboración de Cervezas Alhambra, forma parte das máis de 3.600 actividades impulsadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude na campaña de verán Para gustos, cultura.

