Nova: Anxo M. Lorenzo destaca a “oportunidade para amosar a nosa cultura e produción editorial aos visitantes este verán”

09/07/2026

Anxo M. Lorenzo destaca a “oportunidade para amosar a nosa cultura e produción editorial aos visitantes este verán”

Os Xardíns da Xiralda acollen a oitava parada dun circuíto que supón unha das citas destacadas da programación ‘Para gustos, cultura’ da Xunta

A cita conta con nove librarías e unha trintena de autores e autoras que levarán a cabo presentacións e sinaturas

Esta actividade súmase a outras propostas como obradoiros de escrita e representacións teatrais

Destaca “o bo momento que vive o sector segundo os últimos datos da edición en Galicia” e pon en valor “o impulso do Goberno con 3M€ este ano”

Ponteareas (Pontevedra), 9 de xullo de 2026

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe a Feira do Libro de Ponteareas, a oitava parada do circuíto que a Xunta de Galicia impulsa en colaboración coa Federación de Librarías de Galicia e que  supón unha das citas destacadas do programa Para gustos, cultura, a campaña que este verán chega a máis de 200 concellos da man da Consellería Cultura, Lingua e Xuventude.

Neste senso, o representante do Goberno galego puxo en valor esta rede de actos que na localidade pontevedresa contará coa participación de nove librarías e máis de 30 autores e autoras, convertendo durante catro días o municipio, afirmou, “nun punto de encontro para a literatura, a creación e a lectura con actividades de dinamización que convidan á veciñanza a mergullarse no mundo do libro de maneira activa". Ademais, apuntou, “nesta época de verán, esta cita supón unha grande oportunidade para achegar ás persoas que nos visitan a cultura e a produción editorial galega”.

Ao respecto, Anxo M. Lorenzo lembrou “o bo momento que vive o sector do libro en galego tal e como indican os últimos datos da edición en Galicia, dos cales un 60% foron publicados en galego”, ao tempo que destacou o “o apoio que recibe da Xunta o sector tal e como demostran os 3 M€ de investimento para este mesmo ano”.

Catro días de actividade

Tras a apertura hoxe da feira nos Xardíns da Xiralda, con pregón a cargo do escritor Anxo Rodríguez Rodríguez, a actividade continuará entre o venres 10 e o domingo 12 en horario de 12,00 a 14,00 horas e de 18,00 a 22,00 horas, agás o sábado que comezará ás 11,00 horas.

Entre as propostas programadas para estes días atópanse presentacións de novidades editoriais, sesións de teatro familiar, obradoiros de escrita, sinaturas con autores e autoras e a entrega dos premios Talento Xove/Talento Local.

Cómpre lembrar que a de Ponteareas é a oitava das 13 citas co libro que se estenden este ano por diferentes vilas e cidades das catro provincias, tras a celebración das feiras en Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, O Porriño, Ourense, Redondela e Vigo.

O circuíto continuará en Rianxo, do 23 ao 26 de xullo, e xa en agosto as Feiras do Libro viaxarán ata A Coruña, do 1 día ata o 10; a Viveiro, do día 13 ao 19; a Foz, do 20 ao 23, e rematarán en Monforte de Lemos, do día 26 ao 29.

Comparte