Nova: ‘Danza no Camiño’ leva a creación coreográfica galega e internacional a cinco concellos co apoio da Xunta
09/07/2026
‘Danza no Camiño’ leva a creación coreográfica galega e internacional a cinco concellos co apoio da Xunta
O festival itinerante desenvolverá en Galicia a súa recta final entre o 12 e o 17 de xullo, con funcións en Ferreira de Pantón, Tui, Ourense, Portomarín e Muxía
As compañías galegas Julia Laport, Laboratorio Escénico, SóLODOS e Daniel Rodríguez Cía. protagonizan a programación convidada os días 12 e 14 de xullo
O ciclo conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través da plataforma cultural SóLODOS e forma parte da programación da campaña ‘Para gustos, cultura’
Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2026
A creación coreográfica contemporánea chegará este mes a espazos abertos de cinco concellos galegos coa oitava edición de Danza no Camiño, festival itinerante que forma parte da campaña de verán da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude Para gustos, cultura. O programa desenvolverá en Ferreira de Pantón, Tui, Ourense, Portomarín e Muxía a súa recta final entre o 12 e o 17 de xullo.
O ciclo, coorganizado por Cidanz Producciones e o Goberno de Castela e León, conta para o seu desenvolvemento no territorio galego co patrocinio da Xunta de Galicia a través da plataforma cultural SóLODOS, e coa colaboración do Centro Coreográfico Galego e os municipios implicados.
Os espectáculos de produción galega terán unha presenza destacada nas dúas primeiras citas do festival en Galicia, nas que actuarán como convidadas as compañías de Julia Laport, Laboratorio Escénico, SóLODOS e Daniel Rodríguez Cía. Estas funcións terán lugar o domingo 12 de xullo na igrexa de Santiago de Castillón, en Ferreira de Pantón (Lugo), e o martes 14 na praza de San Telmo de Tui (Pontevedra), cunha selección de propostas que amosan diferentes linguaxes da danza contemporánea creada desde Galicia.
Compañías galegas convidadas
Julia Laport presentará Extender como si pudiera, unha peza que sitúa o corpo no límite e propón esvaecer as marxes da pel como espazo de expansión e transformación. Pola súa banda, Laboratorio Escénico, con Alba Fernández Cotelo, levará a escena Monte, unha creación que pousa a súa mirada nas historias de mulleres de Cuba e Galicia, ligadas polo respecto á terra, á natureza e polos procesos migratorios.
A programación galega complétase con Mover Cenizas, de SóLODOS, compañía integrada por Maruxa Salas e Erick Jiménez, unha proposta arredor daquilo que queda, permanece e se transforma despois da devastación; e con A raíz de…, de Daniel Rodríguez Cía., que reivindica o corpo como instrumento capaz de facer dialogar tradición e contemporaneidade, pasado e presente, para construír un discurso de futuro.
Tres estreas absolutas en Ourense, Portomarín e Muxía
Tras as funcións protagonizadas polas compañías galegas, Danza no Camiño continuará do 15 ao 17 de xullo con tres estreas absolutas asinadas por creadores e compañías de Taiwán, Italia, Costa Rica e España. As representacións poderán verse na explanada do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, na praza da igrexa de Portomarín (Lugo) e no porto de Muxía (A Coruña), completando así o percorrido do festival polas catro provincias galegas.
As obras seleccionadas son Oeso | Miscanthus, do creador taiwanés Taboeh a ’Oebay Tataysi; Olvídame, dos italianos Giovanni Leonarduzzi e Lia Claudi Latini, integrantes da Cía. Bellanda; e Apenas, do coreógrafo costarriqueño Adrián Arriaga en colaboración con SóLODOS. As tres pezas foron concibidas para espazos non convencionais e dialogan co tránsito, a identidade, a memoria, a natureza e as relacións humanas a través de linguaxes coreográficas diversas.
Danza, patrimonio e Camiño de Santiago
Dirixido polo coreógrafo Alberto Estébanez, Danza no Camiño propón un encontro entre creación coreográfica, historia e patrimonio, levando a danza contemporánea a espazos vinculados ao territorio e ao fenómeno xacobeo.
A edición de 2026 está a percorrer entre o 1 e o un total de 20 municipios de nove provincias en seis comunidades autónomas: ademais de Galicia, Aragón, A Rioxa, Castela e León, Huesca e País Vasco, coa presenza galega como parte central da súa recta final.
O festival conta tamén co patrocinio do Goberno da Rioxa e co apoio de diferentes institucións e entidades colaboradoras ao longo do seu itinerario.
