Nova: Belén do Campo mantén un encontro con representantes da asociación “Negreira Viva” para coñecer o labor que desenvolve na dinamización cultural e turística do municipio

07/07/2026

Belén do Campo mantén un encontro con representantes da asociación “Negreira Viva” para coñecer o labor que desenvolve na dinamización cultural e turística do municipio

A representante do Goberno autonómico puxo en valor o traballo do colectivo na organización do Entroido do Verán do Cristobaliño, unha cita que cada ano reúne a centos de persoas e contribúe á promoción de Negreira

Negreira  (A Coruña), 7 de xullo de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, mantivo un encontro co presidente, Diego Vieito e cos representantes da asociación Negreira Viva para coñecer de primeira man o traballo que desenvolve este colectivo na promoción de actividades culturais, sociais e turísticas no municipio, así como os proxectos previstos para os vindeiros meses.

Durante a reunión, a representante do Goberno galego destacou o importante papel que desempeñan as asociacións locais na dinamización dos concellos e agradeceu o compromiso de Negreira Viva por impulsar iniciativas que fortalecen a identidade do municipio, fomentan a participación veciñal e contribúen a dinamizar a economía local.

Neste sentido, Belén do Campo interesouse pola organización dunha nova edición do Entroido de Verán do Cristobaliño, un evento que se consolidou como unha das citas festivas máis singulares da comarca e que cada mes de xullo reúne a veciños e visitantes arredor dunha celebración que combina tradición, creatividade e participación.

A delegada lembrou que esta festa nace arredor da figura do Cristobaliño, un peculiar peregrino que, segundo a tradición popular, chega cada ano a Negreira polo Camiño de Santiago para declararlle o seu amor á Dona da Fonte das Vacas. A súa historia, cargada de humor e simbolismo, converteuse nun elemento diferenciador do municipio e nunha celebración que medrou co paso do tempo ata converterse nun referente do calendario festivo local.

Durante o encontro, tamén se abordaron novas iniciativas para seguir promovendo o patrimonio cultural e o potencial turístico de Negreira a través de actividades que poñan en valor as tradicións locais e reforcen o atractivo do municipio como destino vinculado ao Camiño de Santiago.

Finalmente, animou ao colectivo a continuar traballando na organización de iniciativas que contribúan a divulgar o patrimonio material e inmaterial de Negreira e a consolidar eventos que, como o Entroido de Verán do Cristobaliño, xa forman parte da identidade cultural do municipio e da comarca.

Comparte