Nova: A Xunta organiza un foro de danza con coloquios e actuacións para favorecer a difusión dos espectáculos galegos

07/07/2026

A Xunta organiza un foro de danza con coloquios e actuacións para favorecer a difusión dos espectáculos galegos

As actividades desenvolverase mañá día 8 co concello de Ames e o xoves 9 no de Outes, no marco do festival Abanea

Martín Blanco, Laboratorio Escénico, Corpo Liminal e VACAburra ofrecerán unha mostra das súas últimas creacións

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2026

A Xunta organiza nos vindeiros días a segunda edición do Foro de Distribución Nacional e Internacional da Danza de Galicia, unha iniciativa que reunirá artistas e axentes do sector arredor de dúas xornadas que combinan coloquios con mostras de espectáculos en vivo. O programa desenvolverase mañá día 8 e o xoves 9 nos concellos de Ames e Outes, respectivamente, coincidindo coa celebración do festival Abanea, co obxectivo de aproveitar sinerxías para contribuír á difusión interior e exterior dos espectáculos galegos de danza e artes do movemento.

A través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e coa coordinación do colectivo Ismo-Cultura, a primeira cita do foro será mañá, ás 13,00 horas na praia fluvial de Tapia, en Ames, onde o bailarín Martín Blanco interpretará un fragmento da peza Máis (Daydream), e, a continuación, o colectivo Laboratorio Escénico representará a titulada Monte.

Xa pola tarde, ás 16,00 horas terá lugar unha recepción no amesán Pazo da Peregrina, á que seguirá a mesa-coloquio Circulación nacional e internacional da danza contemporánea: de España a Europa, na que participarán Athanas Maev, do festival serbio Moving Balkans; Fernando López Rodríguez, da FECED-Federación de Danza; e Belisa Branças, do centro coreográfico portugués Instável.

O xoves 9, ás 13,00 horas, as instalacións do Club de Piragüismo de Outes acollerán a compañía Corpo Liminal cunha breve mostra da obra Solastalgia, e ás 14,00 horas VACAburra representará Danzalismos na Casa da Cultura.

Tamén na Casa da Cultura de Outes desenvolverane outras dúas citas de debate e intercambio. Ás 16,30 horas dará comezo a titulada A danza galega desde unha mirada exterior, na que intervirán Lorena Benot, do festival Cádiz en Danza; Jimena Rodríguez, de Danza Xixón, e a xornalista e crítica especializada en danza Mercedes L. Caballero. A segunda será ás 18,30 horas e a partir do título Como fortalecer a presenza da danza galega nos mercados nacionais e internacionais, cunha mesa integrada por Natividad Buil, da rede Acieloabierto; Fernando López Rodríguez, da FECED-Federación de Danza; Carmen Fernández Pico, en representación do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (INAEM), e Pilar Portela, por parte da Axencia Galega das Industrias Culturais.

O II Foro de Distribución Nacional e Internacional da Danza de Galicia, que conta coa colaboración do Centro Coreográfico Galego e da Asociación de Empresas de Artes Escénicas- Escena Galega, concíbese como unha acción complementaria ás estratexias de promoción exterior que xa veñen impulsando a presenza da danza galega en distintos festivais e plataformas de fóra de Galicia.

Comparte