Nova: A Xunta pon en marcha a Rede Galega de Oficios Vivos para conservar os traballos tradicionais e artesanais no rural
06/07/2026
A Xunta pon en marcha a Rede Galega de Oficios Vivos para conservar os traballos tradicionais e artesanais no rural
- Trátase dun programa pioneiro de voluntariado que busca poñer en valor o coñecemento patrimonial e cultural das persoas maiores de 55 anos
- Levarase a cabo a partir deste mes de xullo en máis dunha vintena de concellos do rural coa finalidade de servir como motor de desenvolvemento e ofrecer oportunidades vitais á mocidade
- Artéllase mediante a participación de persoas expertas nos respectivos oficios como a artesá Belén Leiro, a redeira Geli Martínez ou o mestre oleiro Alberto Lista
A Xunta de Galicia porá en marcha este mes de xullo a Rede Galega de Oficios Vivos, un programa pioneiro de voluntariado interxeracional que busca poñer en valor o coñecemento patrimonial e cultural das persoas maiores de 55 anos co fin de conservar os traballos tradicionais e artesanais do rural. Así se avanzou hoxe no Consello da Xunta onde se deu luz verde ao informe sobre esta iniciativa que chegará a máis dunha vintena de concellos galegos.
Tal e como se recolle no documento analizado hoxe, a iniciativa artéllase mediante a organización de xornadas nas que participarán persoas expertas nos respectivos oficios que guiarán ás persoas voluntarias co obxectivo de recuperar os traballos tradicionais, poñer en valor os produtos artesanais e mostrar ás persoas mozas as posibilidades de emprego e autoemprego dos mesmos. Así mesmo, o novo programa de voluntariado interxeracional tamén busca servir como motor de desenvolvemento do medio rural tratando de aumentar a taxa de poboación e ofrecendo á mocidade oportunidades vitais vinculadas a estes oficios.
Para conseguilo, contarase cun total de 17 expertos en diferentes oficios entre os que se atopa Belén Leiro, artesá que desenvolve o seu traballo desde unha mirada contemporánea explorando os materiais locais e as técnicas ancestrais. No seu traballo, que se nutre dunha longa herdanza familiar ligada ao oficio artesanal, combínase cestería, deseño e dirección creativa en proxectos que poñen en valor os procesos manuais, o patrimonio cultural e a paisaxe rural.
Outra das protagonistas será Sandra Bastón, que desenvolve a súa práctica de recuperación e reinterpretación do tecido tradicional galego a través de pal.lium, un proxecto no que se exploran as posibilidades do tear artesanal como ferramenta para conectar memoria, territorio e innovación. Por outro lado, a redeira Geli Martínez compartirá os saberes do oficio, que aprendeu de nena da súa nai, da confección e reparación de redes para a flota do cerco do porto de Cangas.
Por outro lado, Aitor Martínez, torneiro artístico e artesán combina tradición, innovación e sustentabilidade, creando pezas únicas elaboradas con madeiras locais certificadas e dotadas dunha forte carga simbólica e narrativa. Alén do seu labor creativo, aposta pola divulgación e a posta en valor dos oficios tradicionais.
Participará tamén o mestre oleiro Alberto Lista, responsable de Olería Lista, un obradoiro artesanal dedicado a preservar e difundir a tradición cerámica de Galicia. Así mesmo, Antonio Pereira, explicará os detalles do seu traballo na alfarería tradicional, combinado a tradición das formas coas últimas tendencias na cor, e da súa experiencia conseguindo que a súa cerámica se utilice de soporte para a presentación de pratos de alta cociña galega e exportándose a nivel internacional.
Outro referente no eido da alfarería é Agustín Vázquez, cun traballo que se distingue por unha característica cor amarella que lle aporta o uso de barro autóctono. No eido do coiro, pola súa banda, a Rede Galega de Oficios Vivos contará coa presenza do obradoiro galego Jatafarta, especializado no deseño e creación de complementos e pezas de decoración elaboradas con pel de curtido vexetal. Tamén vencellada co eido da pel, participará a marca galega Cabuxa que combina, desde o seu obradoiro no sur de Galicia, tradición artesanal, innovación e expresión artística para crear complementos únicos.
Así mesmo, participarán nesta iniciativa os talleres Zoclos e Alumearte. No caso do primeiro, realizan zocos de maneira tradicional tendo en conta as medidas do pé de cada cliente resultando en pezas únicas. Alumearte, pola súa banda, traballa na creación de xoias e pezas de bixutería en esmalte ao lume, onde tradición e creatividade únense para dar lugar a deseños exclusivos e cheos de cor.
Completan o cartel de persoas expertas nos oficios tradicionais a fundación de redería O Peirao, Ana Rosa Lista, especializada no encaixe de bolillos galego e fundadora da Escola Obradoiro de Ana Rosa; Esther Rodríguez Pérez, mestra artesá cesteira con follato de millo, colaboración facilitada pola asociación Oficios Vivos; Javier Carreiras, mestre apicultor; a fundación Terra Termarum, adicada á protección, investigación e divulgación do patrimonio arqueolóxico a través da cerámica castrexa e os responsables do obradoiro Nela Biosense e Nela Gourmet, adicados á elaboración de cosmética rural natural e mermeladas artesás.
A rede, que celebrará as súas primeiras xornadas os días 18 e 19 de xullo en Ponteareas e Cuntis, respectivamente, complementa a convocatoria de desenvolvemento de proxectos de voluntariado interxeracional impulsada pola Xunta con 630.000 euros e que busca dinamizar as áreas rurais aproveitando a experiencia das persoas voluntarios de máis de 55 anos para amosar á xuventude as posibilidades e opcións de desenvolvemento profesional que pode aportar tanto a nivel individual como social.
