Nova: A Xunta patrocina o XXII Curso de Medios Audiovisuais de Celanova, que aborda a diversidade creativa no sector

06/07/2026

A Xunta patrocina o XXII Curso de Medios Audiovisuais de Celanova, que aborda a diversidade creativa no sector

A nova edición da cita impulsada pola Fundación Carlos Casares e Universidade de Vigo celébrase ata o 10 de xullo no Auditorio Ilduara da localidade ourensá

Celanova (Ourense), 6 de xullo de 2026

O XXII Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC) reúne a partir de hoxe e ata o 10 de xullo profesionais do sector e alumnado para abordar a diversidade creativa actual no ámbito cinematográfico. A iniciativa conta co patrocinio da Xunta de Galicia, no marco das actividades formativas que ofrece a Axencia Galega das Industrias Culturais para contribuír á conexión entre estudantes e cidadanía coa realidade laboral artística e laboral.

Organizado pola Fundación Carlos Casares dentro da oferta formativa de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, o CeMAC recibirá no Auditorio Ilduara da localidade ourensá persoas expertas que porán en común os seus traballos no ámbito audiovisual arredor da proxección de películas, series e curtas como Así chegou a noite, Leo&Lou, Punto Nemo, Bispos, Alucinema ou Pura.

Tamén se analizarán os diversos formatos, así como o proceso de consolidación do ecosistema audiovisual, do seu equilibrio industrial e creativo e as novas posibilidades transversais de actuación.

Entre os perfís seleccionados para os coloquios acudirán profesionais da interpretación, como Felipe Pizarrán ou Raquel Meleiro; de produción, como Alba Gallego ou Rocío Casal; de guión e dirección, como Carlos Solano ou Lois Patiño; de distribución, como Milo Baños, ou de Comunicación, como Julia Sánchez. Na xornada de clausura intervirá Álvaro Agustín, director xeral de Telecinco Cinema.

En paralelo, desenvolverase o 16º Taller Celanova, Plató de Ficción, dirixido polo profesor Paulino Pérez Feijoo. Esta experiencia, eminentemente práctica, está dirixida ao alumnado de Comunicación Audiovisual das facultades que imparten graos de Comunicación e ten por obxectivo a produción dunha peza audiovisual nun tempo determinado e cun orzamento pechado.

Ademais, como actividade complementaria, esta mesma tarde, ás 19,00 h., terá lugar a presentación do libro Viaje cinematográfico por Galicia. Una retrospectiva emocional (1896-1939), a cargo de Emilio C. García, catedrático de Historia do Cine na Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid.

Comparte