Nova: A Xunta cuadriplica ata 1.200.000 euros a dotación das axudas para a posta en marcha de futuros filmes galegos
06/07/2026
A Xunta cuadriplica ata 1.200.000 euros a dotación das axudas para a posta en marcha de futuros filmes galegos
O elevado incremento responde á inclusión este ano dun apartado específico para a presentación de paquetes de proxectos, ao que se destinan 900.000 euros
A convocatoria está cofinanciada entre fondos propios da Comunidade autónoma e fondos FEDER da Unión Europea
Esta liña completa a política de apoio á industria audiovisual do Goberno galego impulsando a preprodución de películas e series cara á súa rodaxe nos vindeiros anos
Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2026.- O Consello da Xunta aprobou hoxe as bases da nova convocatoria de axudas para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos, á que este ano destina de xeito excepcional 1.200.000 euros pola inclusión dunha modalidade específica para que as empresas poidan presentar varias propostas agrupadas nun mesmo paquete de accións. O incremento do orzamento, que cuadriplica o disposto nos pasado para esta liña de subvencións, cofinánciase de xeito mixto entre a Comunidade autónoma e a Unión Europea.
Así, do devandito investimento total que canaliza cara ás empresas a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, 400.000 euros correspóndenlle á Xunta (100.000 máis que en 2025) e 800.000 son achegados polos fondos FEDER no marco do programa operativo Galicia 2021-2027.
Estas axudas diríxense a facilitar a posta en marcha de futuras películas e series galegas, incidindo no apoio económico para levar a cabo os traballos de preprodución nas fases máis iniciais dos proxectos. Contémplanse, deste xeito, os custos de persoal, asesoría e consultaría, elaboración de materiais previos, gastos relacionados cos guións e as músicas e mesmo a loxística e participación nos foros e mercados especializados con seccións de apoio ao desenvolvemento audiovisual. Ademais, a fórmula de apoio a través do dos paquetes que suman varias propostas permítelles ás empresas unha mellor planificación a medio prazo en canto a xestión de recursos e fomento do emprego.
Para chegar ás pantallas, nos anos seguintes os proxectos poderán optar ás subvencións da Xunta e doutros organismos estatais e europeos para continuar coa súa produción ou coprodución e rodaxe, así como para a súa difusión e circulación.
A dotación da convocatoria, que se resolverá en réxime de concorrencia competitiva, está repartida entre 300.000 euros para a categoría de proxectos individuais e 900.000 para a de paquetes integrados pola suma de tres ou catro proxectos. Dispón tamén que as axudas poden chegar ata os 30.000 euros no caso de longametraxes de animación e series de ficción ou animación, ata 25.000 euros para longas de ficción e ata 20.000 euros para series ou longametraxes cinematográficas documentais.
A liña de subvencións ao desenvolvemento forma parte do investimento directo no sector audiovisual a través do programa anual de apoio por valor de 8 M€ executado pola Xunta de Galicia para acompañar economicamente as empresas en todo o proceso (preprodución, promoción de talento na creación, difusión e distribución). No pasado 2025, foron 14 as empresas produtoras que resultaron beneficiarias dos 300.000 euros adxudicados por esta canle.
