Nova: A Xunta pon en valor o Teatro Amador nunha xornada festiva no Gaiás cunha vintena de representacións
05/07/2026
A Xunta pon en valor o Teatro Amador nunha xornada festiva no Gaiás cunha vintena de representacións
A Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea) congrega máis dun centenar de persoas de toda Galicia
López Campos salienta a importancia de “apoiar este tipo de iniciativas, xa que é fundamental que todo o mundo poida ter espazos que alenten a creación”
Na actualidade, a entidade está formada por 64 agrupacións que configuran a maior estrutura teatral da contorna autonómica
Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañou hoxe á Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea) na celebración do seu 26 aniversario, que tivo lugar na Cidade da Cultura con case unha vintena de actuacións de formacións de toda Galicia.
O titular de Cultura da Xunta sinalou a importancia de “apoiar as agrupacións de teatro amador para que todo o mundo poida ter espazos que alenten a creación artística”. Así, López Campos fixo fincapé no gran traballo que realizan estas formacións dedicándolles o seu tempo libre a fomentar unha cultura de base.
“Co seu esforzo, Fegatea xera un tecido artístico que achega a cultura á xente e fai do teatro unha forma de expresión accesible para todas as persoas”, explicou o conselleiro. No acto, López Campos estivo acompañado da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e da presidenta de Fegatea, Chelo Pampillón. Ademais, entregouse o Premio Fegatea á Federación de Grupos Afeccionados de Teatro de Castela e León.
26 anos facendo teatro
A Federación Galega de Teatro Afeccionado comezou no ano 2000 a súa andadura cara ao fortalecemento do tecido cultural ao redor do teatro amador no ámbito autonómico a través de actividades formativas, de intercambio, mostras e festivais de teatro.
Na actualidade, a entidade está formada por 64 agrupacións representativas das catro provincias galegas, que fan dela a maior estrutura teatral da contorna autonómica. Nos últimos tempos orientou tamén os seus esforzos cara á promoción do teatro amador galego no resto de España.








