Nova: A Xunta colabora cunha vintena de profesionais do sector do libro para participar en actividades fóra de Galicia durante 2026

04/07/2026

A Xunta colabora cunha vintena de profesionais do sector do libro para participar en actividades fóra de Galicia durante 2026

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina 30.000€ a esta convocatoria dirixida a persoas escritoras, ilustradoras, tradutoras e editoras

A finalidade da orde é subvencionar os gastos que permitan a asistencia a feiras, festivais, encontros e eventos de similar natureza fóra de Galicia

Inclúense citas en Barcelona, Madrid, Portugal, Francia, Italia, Alemaña, Colombia, México, Os Estados Unidos de América, ou Kenia

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2026

A Xunta acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución das axudas para que unha vintena de profesionais do sector do libro participen en actividades neste eido fóra de Galicia, como feiras, festivais seminarios, encontros, obradoiros e estadías.

Deste xeito, estas achegas permitirán a estes profesionais asistir a importantes citas do sector do libro en España como a Feira do Libro de Madrid, a LIBER en Barcelona, o  Festival de Literatura e Divulgación Histórica de La Orotava, en Tenerife, ou o Encontro Internacional Profesional de Ilustración Irudika, en Vitoria-Gasteiz. De igual xeito, tamén lles facilitará a participación neste tipo de actividades en países europeos, como a Feira do Libro de Bolonia, en Italia, a Feira do libro de Frankfurt, en Alemaña, o Simposio Internacional de Urban Sketchers, en Francia ou o Festival de banda deseñada de Amadora, en Portugal.

Ademais, fóra de Europa, inclúense actividades en Colombia, México, Os Estados Unidos de América e Kenia, o que lles suporá poder participar, entre outras, nas feiras internacionais do libro de Bogotá e Guadalajara, ou nos festivais do Libro Infantil de Hudson e o Internacional de Poesía Kistrech.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina a estas axudas un orzamento de 30.000€ para cubrir os gastos de viaxe referidos ao aloxamento e transporte que permitan a asistencia a estes eventos fóra de Galicia, ata un máximo de dúas actividades por solicitante. As actividades, que deben celebrarse entre o 1 de xaneiro e o 15 de decembro de 2026, teñen que estar directamente relacionadas coa profesión dos solicitantes e ter unha repercusión directa nela.

Cómpre lembrar que esta iniciativa facilítalle ás persoas escritoras, ilustradoras, tradutoras ou editoras participar neste tipo de accións vencelladas co sector do libro en Galicia. Entre os requisitos, exixíaselle ás persoas físicas ter publicado dúas obras nos tres anos anteriores á data de publicación da orde, mentres que as persoas xurídicas deberían de contar con tres obras publicadas ao ano nos tres anos inmediatamente anteriores.

Os importes concedidos van desde os 500 ata os 1.600€, variando segundo o ámbito xeográfico de destino. Desta forma, se o desprazamento é dentro de España  inclúense axudas desde os 500€. No caso, do resto de Europa ou países ribeiregos do Mediterráneo, a partida é de 900 euros, mentres que para asistencia a este tipo de actividades polo resto do mundo a achega é ata os 1.600€.

Comparte