Nova: Rueda destaca o traballo do Consello da Cultura Galega como partícipe do esplendor cultural da comunidade
03/07/2026
Rueda destaca o traballo do Consello da Cultura Galega como partícipe do esplendor cultural da comunidade
Sinala como retos os novos públicos e novos formatos de consumo cultural
Avoga por estreitar a colaboración institucional ante os vindeiros desafíos do país, como o Pacto pola Lingua e a preparación do vindeiro Xacobeo 2027
Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe no acto de toma de posesión de Dolores Vilavedra Fernández como nova presidenta do Consello da Cultura Galega, onde vencellou o esplendor cultural que atravesa Galicia ao papel estratéxico e imprescindible que desenvolve a institución. “A nosa creación funciona como un selo de excelencia coa que estamos alimentando esa marca Galicia Calidade que nos caracteriza”, afirmou.
Así, aproveitou para loar a traxectoria da responsable saínte, Rosario Álvarez e agradeceulle “o seu legado, o seu talante e o seu traballo”, ao tempo que amosou o seu respaldo á nova titular, quen “ten por diante unha tarefa apaixonante e nada sinxela que é guiar unha institución que goza dun enorme prestixio e con case 50 anos de vida”.
Neste escenario de relevo institucional, Rueda, que estivo acompañado polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, fixo fincapé na fortaleza e no dinamismo que amosa actualmente o sector cultural na comunidade, grazas ao talento dos creadores e creadoras locais. Así mesmo, amosouse en sintonía cos novos propósitos da entidade para “ir acorde aos novos tempos e abrirse a novos públicos e novos formatos de consumo cultural” e reiterou o compromiso da Administración autonómica de seguir colaborando de xeito estreito e construtivo, respectando sempre a plena independencia que caracteriza ao Consello. “A cultura é un esforzo compartido, sempre, por iso é necesario que sigamos unindo forzas”, afirmou.
Finalmente, o titular do Executivo autonómico subliñou que a acción cultural é unha “prioridade transversal” para a Xunta e apuntou a retos fundamentais que requiren a implicación de toda a sociedade a curto e medio prazo, entre os que salientou a procura de consensos arredor do Pacto pola Lingua neste 2026, así como a proxección internacional que suporá a celebración do vindeiro Ano Santo. “Ao final, protexer e difundir os nosos valores como pobo, iso é cultura tamén, e por iso entendemos a xestión cultural como unha salvagarda da nosa identidade”, asegurou.








