Nova: O AUDIOVISUAL GALEGO PREPARA 22 NOVOS FILMES CON 3,5 M€ DAS SUBVENCIÓNS DA XUNTA Á PRODUCIÓN E COPRODUCIÓN
03/07/2026
O AUDIOVISUAL GALEGO PREPARA 22 NOVOS FILMES CON 3,5 M€ DAS SUBVENCIÓNS DA XUNTA Á PRODUCIÓN E COPRODUCIÓN
A concesión de axudas da consellería de Cultura, Lingua e Xuventude abrangue sete longametraxes de ficción e animación, cinco documentais, tres coproducións internacionais, seis curtas e unha serie
Quince das obras beneficiarias contan con maioría feminina nas direccións e xefaturas dos seus equipos
O 96,7% do importe concedido ás producións susceptibles de seren rodadas en lingua galega corresponde a proxectos en versión orixinal no noso idioma
Entre os adxudicatarios están os vindeiros títulos dirixidos por Álvaro Gago, Noemí Chantada, Alba Prol, Fon Cortizo, Coral Piñeiro, Ana Gil, Alba Pino ou Inés Pintor
Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2026.- A Xunta de Galicia adxudicoulles un total de 3,5 M€ a 22 novos proxectos audiovisuais a través da convocatoria anual de subvencións á produción e coprodución, que neste 2026 abrangue como beneficiarias sete longametraxes cinematográficas de ficción e animación, cinco longas documentais, tres coproducións internacionais con participación minoritaria galega, seis curtametraxes e unha serie para televisión e plataformas.
A resolución da consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destaca pola presenza feminina nos equipos dos filmes adxudicatarios, con maioría de mulleres nas direccións e xefaturas de 15 proxectos, e polo uso do galego como lingua de rodaxe, xa que o 96,7% do importe concedido ás obras que poden producirse en versión orixinal galega correspóndelles a títulos no noso idioma.
A través desta liña de apoio do Goberno galeago contribúese á materialización proxectos de ficción, animación, documental e creación seriada, que suman un investimento subvencionable de máis de 12,5 M€. A convocatoria, resolta en réxime de concorrencia competitiva, reforza deste xeito a capacidade produtiva do audiovisual galego, a xeración de actividade industrial e a consolidación de estruturas creativas e técnicas arredor de propostas con vocación de circulación dentro e fóra de Galicia.
Da contía total adxudicada, 2.920.000 euros recaen en obras en versión orixinal galega, o que supón que 17 dos 18 filmes posibles son no noso idioma. En canto á participación feminina, a resolución contén, ademais, a participación de 11 directoras á fronte de obras beneficiarias, con seis longametraxes, catro curtametraxes e unha serie dirixidas por mulleres.
Longametraxes de ficción, animación e documental
A modalidade de longametraxes cinematográficas recibe 2.040.000 euros para sete proxectos. Entre eles figuran os dramas Adeus Berta, ópera prima de Fernando Tato; Os reis imaxinarios, debut na dirección de Eiré Cid; Porto Alegre, novo traballo de Álvaro Gago con guión asinado xunto con Berta Dávila; Lucina, drama-thriller dirixido por Tito López Amado con guión de Rafa Russo; A raíz, da directora Noemí Chantada; e Lito, de Jairo Iglesias, ademais da longametraxe de animación Greta, comedia infantil en stop motion dirixida por Virginia Curiá.
No ámbito documental, a resolución concede 580.000 euros a cinco longametraxes. Son Despois da eclipse, de Alba Prol; Notas entre silencios, proposta experimental de Fon Cortizo; Lebrescura, de Xacio Baños; Cando maduren os tomates, proxecto colaborativo da directora novel Hadriana Casta; e Alan Lomax andou por aquí, sobre a viaxe musical do etnomusicólogo estadounidense, con Borja Casal e Saúl Rivas na dirección e no guión.
A modalidade de coprodución internacional con participación minoritaria galega suma 480.000 euros para tres longametraxes. Trátase de O que resta, do director portugués André Guiomar e coproducida por Zeitun Films e Olhar de Ulisses; Tres días noutra cidade, drama da autora portuguesa Susana Nobre con participación galega de Filmika Galaika; e Vila pequeña (Pueblo Chico), longametraxe de animación en coprodución con Brasil, Uruguai e Italia, con Chelo Loureiro na produción executiva.
Curtametraxes e serie
No apartado de curtametraxes, a Xunta concédelles 120.000 euros a seis proxectos de ficción, animación e documental, con 20.000 euros para cada un deles. As obras apoiadas son O navegante son eu, documental experimental dirixido por Coral Piñeiro; Wólfram, de Ana Gil, cunha viaxe íntima á memoria familiar e mineira; Unha bágoa, curta de animación de Martín Romero; A pequena cacola, tamén de animación e asinada por David Fidalgo; Elena vive dentro dun espello, drama dirixido por Alba Pino; e Bailar en novembro, proposta de drama e fantasía con guión e dirección de Amanda Seijas.
A resolución complétase coa concesión de 280.000 euros á serie O asasino do pelo roxo, a partir dunha idea orixinal de Zaza Ceballos, con guión de Lidia Fraga, Pablo Tobías e Virginia Yagüe e dirección de Inés Pintor. A produción desenvolverase en versión orixinal galega e terá localizacións en Santiago de Compostela e a súa contorna.
Coa adxudicación destas axudas, o Goberno galego, que lle dedica este ano un investimento global de 8 M€ en subvencións ao sector, dálle continuidade ao seu apoio á produción audiovisual como un dos eixos estratéxicos das industrias culturais, atendendo á diversidade de formatos, á presenza da lingua galega, á incorporación de novas autorías e ao fortalecemento dun tecido profesional con capacidade para xerar actividade económica, emprego cualificado e proxección cultural.
