Nova: Rueda enxalza o papel do museo do gravado de artes como motor cultural e embaixador internacional de Galicia
02/07/2026
Rueda enxalza o papel do museo do gravado de artes como motor cultural e embaixador internacional de Galicia
Valora a súa capacidade para democratizar o acceso á arte, demostrando que a contorna local posúe un enorme potencial non só como receptora, senón tamén como unha gran xeradora de propostas culturais de primeiro nivel
Destaca que o centro custodia un tesouro único de máis de 45.000 estampas e unha biblioteca de referencia nacional con 12.000 publicacións
Asegura que o centro será unha parada indispensable para os visitantes que cheguen á comunidade coa vista posta na próxima celebración do Xacobeo 2027
Ribeira (A Coruña), 2 de xullo de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor a traxectoria do Museo do Gravado de Artes que, desde o seu nacemento no ano 2001, logrou consolidar un espazo expositivo singular en España, converténdose nun motor cultural e un embaixador internacional de Galicia.
Durante o acto polo 25 aniversario deste centro, situado na parroquia de Artes, en Ribeira, o titular do Executivo galego, que estivo acompañado polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, subliñou que este espazo democratiza o acceso á arte, demostrando que a contorna local posúe un enorme potencial non só como receptora, senón tamén como unha gran xeradora de propostas culturais de primeiro nivel.
Así, destacou a magnitude dos fondos do Museo do Gravado de Artes, que custodian máis de 45.000 estampas e unha biblioteca de referencia nacional con 12.000 publicacións e cuxa protección especial xa está a ser tramitada pola Administración autonómica. Así mesmo, fixo fincapé na proxección exterior do museo, cuxas obras viaxaron recentemente a grandes capitais europeas, exportando o selo de excelencia de Galicia polo mundo. Con este motivo, a efeméride coincidiu coa apertura da mostra Imaxe Surreal de Galicia, a primeira exposición que reúne de forma íntegra a produción gráfica do artista ourensán Xaime Quessada, froito dun rigoroso labor de investigación e restauración.
De cara ao futuro, o mandatario amosouse convencido de que este centro seguirá a ser un faro cultural de referencia e unha parada indispensable para os visitantes que cheguen á comunidade coa vista posta na próxima celebración do Xacobeo 2027.
