Nova: Anxo M. Lorenzo convida a desfrutar en Vigo “dunha feira do libro de récord con máis de 200 actividades”

01/07/2026

Anxo M. Lorenzo convida a desfrutar en Vigo “dunha feira do libro de récord con máis de 200 actividades”

A praza de Compostela acolle ata o vindeiro martes obradoiros, concertos, contacontos, teatro e sinaturas de libros, entre outras actividades

O director xeral de Cultura pon en valor “o impulso do Goberno galego a este sector, entre o que se atopa a tan importante creación literaria, á que destinamos máis de 4,2M € nos últimos anos”

A seguinte parada do circuíto impulsado pola Xunta de Galicia e a Federación de Librarías será Ponteareas, do 9 ao 12 de xullo

Vigo, 1 de xullo de 2026

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe a Feira do Libro de Vigo, a sétima das citas do circuíto que a Xunta de Galicia impulsa en colaboración coa Federación de Librarías de Galicia e que percorrerá 13 cidades e vilas ata finais do mes de agosto no marco da programación Para gustos, cultura impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Neste senso, o representante de Cultura, puxo en valor “a edición que se celebra este ano na cidade olívica e á que se referiu como unha feira de récord ao contar con máis de 200 actividades ata o vindeiro martes”. Así, a praza de Compostela acollerá obradoiros, concertos, conversas, teatro, contacontos e sinaturas de libros con máis de 150 autores e autoras.

Na súa intervención Anxo M. Lorenzo destacou así mesmo “a programación diversa e para todos os públicos coa que contará a cidade”, dentro da campaña de verán Para gustos, cultura, “que este ano aumenta as súas accións ata 3.600 chegando a máis de 200 concellos en liña cos obxectivos da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia”.

Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude fixo fincapé no apoio do Goberno galego “ao sector do libro, un dos máis importantes da nosa cultura, que convida a viaxar a mundos infinitos, como cita o lema deste ano, e nos fai medrar como sociedade”. Así, remarcou o investimento da Xunta no eido da creación literaria, que ascende a máis de 4,2 M€ nos últimos cinco anos.

A Feira do Libro de Vigo estará aberta ata o martes 7 de xullo en horario de 11,00 a 14,00 e de 17,00 a 21,00 horas, cunha programación que se iniciou hoxe coa lectura do pregón a cargo do escritor Manuel Esteban.  

13 vilas e cidades de abril ata agosto

Vigo é a sétima das 13 citas co libro e a lectura que terán os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias, tras a celebración das feiras en Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, O Porriño, Ourense e Redondela.

O circuíto continuará en Ponteareas, desde o día 9 ata o 12 de xullo, e en Rianxo, do 23 ao 26. Finalmente, en agosto, as Feiras do Libro viaxarán ata A Coruña, do 1 día ata o 10; Viveiro, do día 13 ao 19; Foz do 20 ao 23, e rematarán en Monforte de Lemos, onde se celebrará do día 26 ao 29 de agosto.

Comparte