Nova: A Xunta destinou máis 4,2M€ a impulsar a creación literaria nos últimos anos
29/06/2026
A Xunta destinou máis 4,2M€ a impulsar a creación literaria nos últimos anos
- O Consello analiza o informe sobre as liñas de apoio neste eido durante o período 2022-2025, cando o investimento do Goberno galego medrou un 31%
- Do orzamento global, o 19% destinouse a apoiar a internacionalización do sector, mentres que o 81% restante tivo a súa finalidade en actuacións na Comunidade
- Galicia sitúase por riba da media española nos índices de lectura cun 96,5% da poboación maior de 14 anos que le en calquera medio ou soporte
A Xunta de Galicia destinou máis de 4,2M€ a impulsar a creación literaria durante o período 2022-2025. Así se desprende do informe analizado hoxe no Consello da Xunta no que se recollen as principais liñas para apoiar a este sector e promocionar aos creadores e creadoras galegas e no que se reflicte que o investimento do Goberno galego destinado a este fin medrou un 31% nos últimos anos.
Tal e como se recolle no documento, do orzamento total, o 19% destinouse a apoiar a internacionalización mediante iniciativas e actividades orientadas a potenciar a proxección exterior da cultura galega e a contribuír a difusión e visibilización do sector en países de todo o mundo. Neste senso, destaca a convocatoria, posta en marcha por primeira vez en 2023, para que profesionais da creación literaria de Galicia poida participar en residencias literarias no exterior e da que xa gozaron 13 autores e autoras galegos e que está previsto que neste exercicio beneficie a nove persoas.
Outra das liñas estratéxicas ao abeiro da internacionalización é o apoio á participación de profesionais do sector do libro en feiras, festivais e eventos estratéxicos. Isto lévase a cabo a través da liña de axudas que se ven convocando desde o ano 2019 e mediante a cal se colaborou xa con preto de 100 profesionais en máis de 80 citas e mediante a programación de actividades no expositor propio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude nas principais citas do libro en Europa e América entre as que se atopa a Feira do Libro de Bos Aires, a Feira do Cómic de Barcelona ou a Feira internacional do Libro de Guadalajara, México.
Así mesmo, co fin de favorecer a difusión da produción intelectual e creativa de Galicia noutras culturas e, ao mesmo tempo, facilitar o acceso da cidadanía galega aos textos producidos orixinalmente noutros linguas e territorios, a Xunta de Galicia destina de xeito anual arredor de 200.000€ para subvencionar os custos da tradución de diferentes obras literarias.
Ademais das liñas de actuación propias da Administración galega, a Xunta tamén ten en marcha diferentes colaboracións que contribúen a favorecer a internacionalización da creación literaria. Destacan neste eido aspectos como o obradoiro Con Barqueira e Remador, a Residencia Literaria 1863 ou o portal web Pórtico of Galician Literature. The home of Galician literature in English, que recolle a obra de escritores galegos contemporáneos.
Medidas territorializadas
O 81% do orzamento destinado entre os anos 2022 e 2025 tivo a súa finalidade en actuacións levadas a cabo no ámbito da comunidade autónoma. Encádranse dentro destas iniciativas a programación que se desenvolve nas bibliotecas, os convenios con organizacións e fundacións, os festivais e premios literarios ou as residencias literarias.
No relativo ás bibliotecas, cómpre precisar que a Xunta de Galicia desenvolve unha ampla programación nos centros xestionados pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude con actividades para todos os públicos e que inclúen conferencias, debates, exposicións, obradoiros ou proxeccións audiovisuais. Isto súmase ás iniciativas que se levan a cabo en todas as bibliotecas públicas a través da convocatoria do catálogo de actividades de dinamización no que se reúnen as propostas para a dinamización bibliotecaria e o fomento da lectura de profesionais, colectivos e empresas. Trátase dunha iniciativa mediante a cal o Goberno galego achega o 75% do custo da actividade e que conta, cada ano, cun orzamento de 195.000€.
En canto ás residencias literarias, o Goberno galego pon en marcha unha na Illa de San Simón, que se celebrou por vez primeira no ano 2023 e que busca converter San Simón nun polo promocional da creación literaria en galego. A residencia conta con 24 prazas dirixidas a aquelas persoas que interveñan no proceso de creación dun libro e que poderán gozar dun espazo, ambiente e condicións óptimas para a enteira dedicación aos seus proxectos creativos. Na Cidade da Cultura, pola súa banda, ofrécese unha residencia literaria para que creadores de dentro e fóra de Galicia poidan desenvolver os seus proxectos culturais no Gaiás. Esta iniciativa arrancou no ano 2020 e está dirixida a autores emerxentes.
A estas apostas hai que sumar o programa europeo Nortear, un proxecto de intercambio cultural entre as rexións de Galicia e o norte de Portugal, o podcast Entreliñas ou a promoción de autores galegos a través da sinatura de convenios coas fundacións de autor, coma a Fundación Rosalía de Castro, a Fundación Otero Pedrayo ou a Fundación Curros Enríquez, entre outras. Estas entidades contan cunha programación ampla e variada, que inclúe exposicións, charlas, visitas escolares, novas publicacións ou obradoiros.
Gran momento do sector do libro
Cómpre lembrar que este investimento da Xunta de Galicia contribúe a que o sector do libro en Galicia viva hoxe un gran momento cos índices de lectura por riba da media española. Así, segundo o último Informe de hábitos lectores, o 96,5% da poboación maior de 14 anos le en calquera medio ou soporte, o que sitúa a Comunidade 1,4 puntos porcentuais por riba de España.
Ademais, segundo estes últimos datos, o número de persoas en Galicia que le ocasional ou habitualmente na nosa lingua tamén medrou en case nove puntos ata acadar o 72%, o que supón que sete de cada dez persoas len en lingua galega.
