Nova: O Festival Abanea celebra a súa quinta edición co apoio da Xunta para levar 15 espectáculos de danza a cinco concellos
29/06/2026
O Festival Abanea celebra a súa quinta edición co apoio da Xunta para levar 15 espectáculos de danza a cinco concellos
Terá lugar do 8 ao 12 de xullo en Ames, Outes, A Guarda, Foz e Celanova como parte da campaña de verán do Goberno galego ‘Para gustos, cultura’
A programación reúne 11 compañías e artistas de Galicia, Madrid, Cataluña, Francia, Eslovenia e Chile, xunto con accións de mediación e acompañamento á creación
Acollerá tamén as dúas xornadas do II Foro sobre Distribución Nacional e Internacional da Danza de Galicia
Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2026
A Xunta de Galicia apoia a quinta edición de Abanea, Festival de Danza e de Movemento, que se celebrará de xeito itinerante do 8 ao 12 de xullo en distintos espazos dos concellos de Ames, Outes, A Guarda, Foz e Celanova, cun programa de 15 espectáculos de creación contemporánea.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, en representación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, participou hoxe na presentación do evento, que tivo lugar no Gaiás e que contou coas intervencións das directoras do festival, Marta Alonso Tejada e Paula Quintas, así como de representantes dos municipios implicados, colaboradores tamén na iniciativa. O acto incluíu unha breve actuación en directo a cargo do bailarín Martín Blanco coa peza Máis.
A través do apoio da Xunta, Abanea consolida un modelo de festival que leva a danza contemporánea a espazos públicos e non convencionais, transformando prazas, praias, parques e espazos patrimoniais en escenarios para a creación escénica. Nesta edición, o encontro reunirá 11 compañías e artistas procedentes de Galicia, Madrid, Cataluña, Francia, Eslovenia e Chile, nunha programación que combina exhibición, mediación, acompañamento á creación e encontro profesional.
Jacobo Sutil destacou nas súas palabras o papel de Abanea como proxecto singular no mapa cultural galego, pola súa capacidade para achegar a danza contemporánea a diferentes públicos, activar o territorio e favorecer a visibilidade das creadoras e creadores galegos en diálogo con propostas estatais e internacionais. Contextualizou tamén a súa celebración como parte da campaña Para gustos, cultura, posta en marcha este verán polo Goberno galego con 3.600 citas de 40 tipoloxías culturais en máis de 200 localidades, en liña coa Lei de cultura accesible e inclusiva de Galicia.
Programación en cinco concellos
O festival desenvolverase ao longo de cinco xornadas en Bertamiráns, en Ames (A Coruña), o 8 de xullo; Broña, en Outes (A Coruña), o día 9; A Guarda (Pontevedra), o 10; Foz (Lugo), o 11; e Celanova (Ourense), o 12. A programación inclúe propostas de OUPS Dance Company, Tjaša Bucik & Patricija Crnkovič, Rolando Salamé, Ángel Durán, Alejandro Moya, Elvi Balboa, Colectivo Glovo, Andrea Castro, Martín Blanco, Artístistika Movemento, Ay, Cariño! e Raquel Ferradás & María de Vicente.
As diferentes sedes acollerán espectáculos de danza contemporánea, creación en espazo público e linguaxes híbridas. Ademais, todas as xornadas incorporarán accións de mediación, coa activación itinerante de Abaena Canle, e rematarán coa Pista de Baile, un espazo aberto de danza comunitaria pensado para favorecer a participación da cidadanía.
Creación, mediación e memoria
A próxima edición do festival reforza tamén EnRede, a liña de acompañamento artístico de Abanea, a través da que o festival impulsa residencias, apoio á creación, espazos de intercambio e visibilización de novas creadoras e creadores. Neste marco, Andrea Castro presentará a evolución de Lola e os lamentos, peza nacida no contexto do festival e seleccionada posteriormente pola Red Acieloabierto, mentres que Martín Blanco se incorpora ao programa coa presentación de Máis, unha primeira creación desenvolvida en residencia artística co apoio de Abanea.
Como novidade, Abanea Canle suma unha vertente documental para recoller procesos, conversas, encontros e memoria do festival mediante pezas audiovisuais, co obxectivo de prolongar a vida do proxecto máis alá dos días de programación e contribuír á difusión da danza contemporánea en Galicia.
II Foro de Internacionalización da Danza
En paralelo á programación do festival, a Axencia Galega das Industrias Culturais organiza, a través do Centro Coreográfico Galego, o II Foro sobre Distribución Nacional e Internacional da Danza de Galicia. A actividade terá lugar os días 8 e 9 de xullo en Ames e Outes, coordinada por ISMO Cultura co apoio da asociación profesional Escena Galega.
O foro busca fortalecer a proxección exterior da danza galega mediante o encontro con programadores, responsables de festivais, redes de distribución e medios especializados. A proposta incluirá mesas de traballo, presentacións de compañías e espazos de networking arredor da circulación nacional e internacional da danza contemporánea. A inscrición para participar permanece actualmente aberta a través do correo formacion.ccg@xunta.gal.

