Nova: A Xunta e o Incipit impulsan nas residencias do Gaiás un proxecto sobre as prácticas de coidado ambiental na conca do Amazonas
27/06/2026
A Xunta e o Incipit impulsan nas residencias do Gaiás un proxecto sobre as prácticas de coidado ambiental na conca do Amazonas
Esta iniciativa conecta a axenda cultural de Galicia cos debates globais arredor da sustentabilidade hídrica, os dereitos humanos e a memoria das comunidades
A proposta explora as posibilidades de achegar á sociedade os resultados do proxecto de investigación HydroCommons do CSIC nun formato de libro expositivo
A investigadora Ainhoa Montoya, a escritora Laura Langa e o fotógrafo Ariel Arango forman un equipo de traballo internacional con raíces en Colombia
Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2026.
A Xunta de Galicia e o Instituto de Ciencias do Patrimonio, Incipit-CSIC promoven por cuarto ano consecutivo as residencias de creación etnográfica e multimodal na Cidade da Cultura para conectar arte e investigación antropolóxica. Imaxinando un libro anfibio: derivas narrativas na conca amazónica é o título do proxecto que esta semana remata a súa estadía no Gaiás e que explora como achegar á sociedade os resultados da investigación HydroCommons nun formato que combina o editorial co expositivo.
HydroCommons é un proxecto do Centro de Ciencias Humanas e Sociais do CSIC que analiza os conflitos socioambientais e as prácticas cidadás de coidado na fronteira de Colombia-Perú-Brasil e no río Putumayo, na conca do Amazonas. A partir das experiencias da investigación, desenvolverase un traballo de curadoría con materiais multimedia, tanto etnográficos como de creación artística, que será a base para a futura publicación.
Imaxinando un libro anfibio reúne un equipo internacional e interdisciplinar formado por Ainhoa Montoya, investigadora principal do proxecto HydroCommons, o fotógrafo e documentalista Ariel Arango e a escritora e investigadora Laura Langa, ambos da produtora audiovisual e editorial colombiana Entrelazando. Esta mañá presentaron os primeiros avances do seu traballo nun encontro aberto ao público na Cidade da Cultura.
Diálogo entre arte e ciencia
Esta residencia da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude conecta a axenda cultural de Galicia cos debates contemporáneos globais arredor da sustentabilidade hídrica, os dereitos humanos e a memoria das comunidades.
Ademais, con ela o departamento de Cultura do Goberno galego reafirma o seu apoio á creación artística abrindo un diálogo entre arte e ciencia. Tanto as residencias desenvolvidas nestes catro anos co Incipit-CSIC no Gaiás como a máis recente colaboración co Instituto de Física de Altas Enerxías son mostra deste compromiso.
Destas residencias xurdiron proxectos como a performance Mudar a pel , que achegou conceptos da antropoloxía actual desde as linguaxes sonora e visual ou a instalación multimodal Arqueoloxía da festa, que explorou a través do son a metaformose dun campo da festa abandonado en Portomouro. Tamén contou coa participación da debuxante Ana Penyas (Premio Nacional de Cómic 2018), que traballou a partir da ilustración a memoria social e patrimonial do barrio compostelán de Vite.




