Nova: O director de industrias culturais destaca en Xixón o papel de 'Camiño Escena Norte' na proxección exterior dos espectáculos galegos
25/06/2026
O director de industrias culturais destaca en Xixón o papel de 'Camiño Escena Norte' na proxección exterior dos espectáculos galegos
A iniciativa conecta as artes escénicas profesionais de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa coa ruta xacobea do Camiño do Norte como eixo vertebrador
As propostas de Teatro O Cubo, Teatro de Ningures e Ártika Cía. son as seleccionadas para representar a produción galega na programación que terá lugar no outono
A Xunta mantén o seu apoio económico ao proxecto desde o seu nacemento a través da colaboración coa asociación Escena Galega, contribuíndo á parte da actividade que terá lugar en oito concellos galegos
Xixón (Asturias), 25 de xuño de 2026
O programa de intercambio cultural Camiño Escena Norte presentou hoxe en Laboral Ciudad de la Cultura, en Xixón (Asturias), as principais liñas da súa oitava edición, na que Teatro O Cubo, Teatro de Ningures e Ártika Cía. serán as compañías encargadas de representar a Galicia nos escenarios dos demais territorios participantes. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, interveu no acto oficial para salientar a calidade, diversidade e capacidade de proxección da escena galega actual a través desta iniciativa interterritorial que conecta as artes escénicas profesionais de seis comunidades do norte peninsular arredor da ruta xacobea do Camiño do Norte.
Na súa intervención xunto a responsables institucionais e artistas de todas as comunidades autónomas implicadas, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude definiu a participación en Camiño Escena Norte como unha acción estratéxica para a cultura galega e para o conxunto do sector escénico profesional. Neste sentido, incidiu en que a escena de Galicia atravesa unha etapa de “notable vitalidade creativa, acompañada dunha consolidación empresarial crecente e dunha maior presenza exterior”.
Sutil destacou tamén o valor deste proxecto como espazo de intercambio cultural entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa. Segundo sinalou, “non falamos unicamente dun programa de exhibición, senón dun auténtico espazo de intercambio cultural”, o que lles permite ás compañías dialogar, ampliar públicos e establecer redes de colaboración estables. “A cultura non é só patrimonio, é tamén difusión, xa que, cando viaxa, non só se mostra, senón que se transforma, medra e se fortalece”, expresou.
Espectáculos galegos
Ao respecto da selección galega, o director das Industrias Culturais subliñou que as propostas de Teatro O Cubo, Teatro de Ningures e Ártika Cía. amosan a diversidade de linguaxes, formatos e públicos “dun sector construído a partir de décadas de esforzo colectivo”
Teatro O Cubo participará con Voo / Vuelo, espectáculo de teatro físico para público familiar que combina danza, circo, acrobacias e linguaxe visual arredor do desexo de voar e imaxinar. A compañía levará esta peza a Laredo (Cantabria), Zarautz e Sopela (País Vasco) e Xixón (Asturias) entre o 17 de outubro e o 15 de novembro.
Pola súa banda, Teatro de Ningures presentará Las guardianas, o el nudo del tejedor, versión en castelán de As gardiás, ou o nó do tecelán, unha obra arredor dos coidados na vellez, da solidariedade comunitaria e do dereito a decidir como, onde e con quen envellecer. O espectáculo poderá verse en Zizur Mayor (Navarra), Unquera (Cantabria) e Villaviciosa (Asturias) entre o 6 e o 8 de novembro.
A selección complétase con Non pasarán, de Ártika Cía., unha comedia crítica e contemporánea creada por Tito Asorey e Vanesa Sotelo que aborda o medo colectivo, a manipulación social e o avance dos discursos autoritarios. A montaxe xirará por Marina de Cudeyo (Cantabria), Hondarribia (País Vasco) e Corvera (Asturias) entre o 19 de setembro e o 15 de novembro.
Programación en Galicia
En paralelo á presenza galega noutros territorios, nos que Camiño Escena Norte comezará a súa actividade a partir do 18 de setembro, Galicia acollerá entre o 2 e o 30 de outubro a programación de Camiño Escena Norte en distintos espazos, con funcións de compañías procedentes de Asturias, A Rioxa, Euskadi e Navarra en Lugo, Outes, Sarria, Foz, Vimianzo, Negreira, Santiago de Compostela, Ribadeo e Arzúa.
O programa abrirase o 2 de outubro no Auditorio Gustavo Freire de Lugo con La balada del Norte, de Saltantes Teatro, e continuará con títulos como Peter Pan y Wendy, de El Perro Azul; Juana I de Castilla, de Nueve Lunas; 52 Hercios, de Ados Teatro; ¿Dónde están los niños?, de Tartean Teatroa; El gato con botas de agua, de El Callejón del Gato; e 3 elementos, do Mago Hodei.
O Goberno galego apoia o desenvolvemento en Galicia de Camiño Escena Norte desde o seu nacemento en 2018 a través da colaboración coa asociación profesional Escena Galega pola que se contribúe á programación, coordinación, produción, asistencia técnica, comunicación e xestión do proxecto no noso territorio.
