Nova: Villares destaca o éxito da furgoteca na dinamización cultural do rural lucense
25/06/2026
Villares destaca o éxito da furgoteca na dinamización cultural do rural lucense
O delegado territorial visitou no Incio a biblioteca móvil da Xunta, que nos próximos días estará en Triacastela, Navia de Suarna e Samos
O Incio (Lugo), 25 de xuño de 2026
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, puxo en valor o servizo de Bibliotecas Móbiles do Goberno galego, A Furgoteca, na dinamización cultural dos concellos do rural da provincia. Fíxoo tras comprobar no Incio o funcionamento deste recurso itinerante que promove a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Villares salientou a “excelente acollida” desta iniciativa, que o ano pasado conseguiu duplicar o número de usuarios e actualmente supera os 2.600.
A Xunta puxo en marcha A Furgoteca no ano 2023 en 20 concellos do rural de Lugo e do sur de Ourense con menos de 20.000 habitantes e sen servizo de biblioteca. A principios de 2025 incorporou unha terceira ruta, coa que se ampliou o servizo a outros dez municipios do oeste ourensán.
A ruta da provincia de Lugo inclúe os concellos de As Nogais, Baleira, Cervantes, Folgoso do Courel, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, O Incio, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela, onde a biblioteca móbil facilita á veciñanza o acceso a un amplo catálogo de libros, películas, música, xogos e publicacións periódicas sen necesidade de desprazarse, ademais de promover distintas actividades de dinamización lectora.
“É un servizo que leva a cultura directamente ao territorio, achegándoa aos veciños e veciñas que non conta cunha biblioteca fixa e garantindo a igualdade de acceso independentemente do lugar no que se viva”, destacou o delegado.
A ruta da montaña lucense visita dúas veces ao mes cada un dos dez concellos participantes. Nunha das xornadas, A Furgoteca sitúase en espazos de maior afluencia, como feiras, mercados, centros educativos, de saúde ou socioculturais, mentres que na outra percorre parroquias e aldeas para ofrecer unha atención máis próxima e personalizada.
Hoxe estivo en Negueira de Muñiz e nos próximos días seguirá o seu percorrido pola provincia con visitas a Triacastela (día 28 de xuño), Navia de Suarna (día 29) e Samos (día 30).


