Nova: Ortiz destaca o Galicia Fest, que abre as súas portas este venres, como “reflexo do absoluto compromiso” da Xunta de Galicia coa promoción cultural en Vigo

25/06/2026

Ortiz destaca o Galicia Fest, que abre as súas portas este venres, como “reflexo do absoluto compromiso” da Xunta de Galicia coa promoción cultural en Vigo

A delegada territorial e a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, visitaron este xoves a montaxe da segunda edición do festival no peirao de Transatlánticos

"Desde a Xunta de Galicia seguimos impulsando grandes citas que vertebran a nosa identidade e atraen as miradas de miles de persoas”, sinalou Ana Ortiz

O Goberno galego apoia numerosos eventos culturais na cidade, como Vigo Porté, Son e Mar, WakeUP, Underfest, Megaestrelas, MusicaV e a Xornada Mar de Galicia

Vigo, 25 de xuño de 2026.

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, visitaron este xoves a montaxe da segunda edición do evento Galicia Fest que se celebrará este venres e sábado, 26 e 27 de xuño, no peirao de Transatlánticos.

Durante o percorrido pola zona na que se instala o festival, a representante autonómica destacou que o Galicia Fest é o vivo reflexo dunha prioridade absoluta para a Xunta: o apoio firme e institucional á promoción cultural en Vigo. "Cremos firmemente no potencial creativo desta cidade. Vigo é unha urbe vibrante, aberta e en constante ebulición artística", sinalou.

Ortiz tamén lembrou a implicación do Goberno galego coa axenda viguesa como unha aposta estratéxica sostida no tempo. "Desde a Xunta de Galicia seguimos impulsando grandes citas que vertebran a nosa identidade e atraen as miradas de miles de persoas”, indicou.

O Goberno galego apoia eventos da envergadura como o consolidado festival de danza urbana Vigo Porté, a música de Son e Mar, a potencia da electrónica internacional no WakeUp, o inconfundible selo independente e ecléctico do Underfest, o jazz de MusicaV, a xornada cultura Mar de Galicia ou o inestimable altofalante para o talento mozo local que supón o certame Megaestrelas.

Pola súa banda, Luisa Sánchez destacou que a cidade se prepara para vivir “unha das grandes fins de semana musicais do verán”. “Contamos as horas para que o Galicia Fest converta Vigo nun punto de encontro para gozar coa nosa xente. O Galicia Fest é a mellor banda sonora para comezar o verán en Vigo”, remarcou.

A vicepresidenta tamén puxo en valor o emprazamento no que se desenvolve o evento. “Poucas cidades poden gozar dun festival como este nun entorno como o noso”, afirmou en referencia ao Peirao de Transatlánticos, situado fronte á ría e no corazón da cidade.

Finalmente, a representante provincial en Vigo sinalou que o Galicia Fest é “un magnífico exemplo do que somos capaces de conseguir cando as institucións colaboran cun obxectivo común”. Neste sentido, resaltou a cooperación entre a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e a Autoridade Portuaria de Vigo para facer realidade un evento que consolida a Vigo como referente na organización de grandes acontecementos.

Cartel por días

O venres 26 de xuño actuarán La Reina del Flow, Coti, Maryland, Miriam Rodríguez, Pablo Lesuit, Sabela e José de Rico. O sábado 27 de xuño será a quenda de Álvaro de Luna, Juan Magán, Lori Meyers, Taburete, Carla Lourdes, Fredi Leis, Marlena e Vera Fauna.

Comparte