Nova: López Campos destaca Portugal "como un gran aliado para o intercambio cultural ás portas do Xacobeo"

24/06/2026

López Campos destaca Portugal "como un gran aliado para o intercambio cultural ás portas do Xacobeo"

O representante da Xunta resalta que “ao igual que ao longo da historia foron relevantes para o desenvolvemento, os camiños tamén son hoxe un revulsivo para o diálogo e as colaboracións estratéxicas”

Pon en valor a boa disposición de ambos os dous territorios para fomentar a riqueza cultural desde moi diversas perspectivas

Porto (Portugal), 24 de xuño de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou hoxe no Porto que “os lazos culturais e lingüísticos que nos unen con Portugal fan do país veciño un gran aliado para Galicia ás portas do Xacobeo 2027”, apuntando que “ao igual que o Camiño xogou un relevante papel para desenvolvemento da sociedade desde as súas orixes e ao longo da historia, tamén é hoxe en día un gran revulsivo para o diálogo, o intercambio cultural e a colaboración estratéxica entre ambos os dous territorios”.

Así se expresou o representante da Xunta durante a súa participación no Festival Babell, un evento literario e cultural, organizado pola Fundación Livraria Lello co apoio da Cámara municipal, que estes días reúne na cidade lusa a recoñecidos escritores no marco dunha programación que inclúe exposicións, concertos ou coloquios.

Precisamente, en nome do Goberno galego, López Campos tomou parte dun ciclo de conferencias co relatorio Patrimonio cultural e desenvolvemento territorial: o caso dos Camiños de Santiago, onde puxo en valor “a historia, a arte e as tradicións que se entrelazan ao longo das rutas xacobeas e que sitúan a Galicia no centro deste diálogo intercultural, que aínda se vai reforzar máis no vindeiro ano, que vai ser máis ca nunca o da Galicia Calidade”.

Deste xeito, no marco da súa asistencia a esta cita que conmemora os 25 anos do Porto como Capital Europea da Cultura e o 30 aniversario da declaración do seu centro histórico como Patrimonio da Humanidade, o conselleiro agradeceu o convite “para que Galicia sexa tamén parte desta celebración, o que nos brinda unha oportunidade única de impulsar e reforzar políticas culturais” ao mesmo tempo que convidou ao país veciño “a ser un punto máis de referencia para o Ano Santo”.

Neste senso, no que ten que ver coa colaboración entre territorios, cómpre lembrar que recentemente desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude asinouse  un protocolo de cooperación co Teatro Nacional São João polo que o Centro Dramático Galego e a estrutura escénica lusa, unha das máis importantes do país veciño, iniciarán un período de catro anos de proxectos escénicos en común, impulsando así un polo de creación teatral no territorio da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Isto, dixo o responsable de Cultura da Xunta de Galicia “é unha mostra da boa disposición que hai entre os dous territorios para ese fomento da nosa riqueza cultural desde moi diversas perspectivas, desde a posta en valor do patrimonio máis senlleiro ou a proxección exterior da lingua aproveitando os vínculos coa lusofonía, á convivencia das nosas industrias escénicas ou audiovisuais, entre outras colaboracións”.

Comparte