Nova: López Campos destaca o compromiso da Xunta coa conservación dos bens eclesiásticos polo seu “alto valor artístico, cultural e histórico”
23/06/2026
López Campos destaca o compromiso da Xunta coa conservación dos bens eclesiásticos polo seu “alto valor artístico, cultural e histórico”
Salienta os convenios coas seis Dioceses galegas, nos que o Goberno galego leva investido 2,42 M€ desde 2019
Pon en valor os 600.000 euros da colaboración deste ano que permitirá restaurar 12 igrexas parroquiais de toda Galicia
Incide na relevancia do Plan Catedrais, a folla de ruta ata 2027 do Goberno galego con 38 M€ para manter nas mellores condicións os grandes templos galegos
Vigo, 23 de xuño de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou hoxe o compromiso da Xunta coa conservación dos bens eclesiásticos polo seu “alto valor artístico, cultura e histórico”. Fíxoo na apertura en VIgo das XLV Xornadas Nacionais de Patrimonio Cultural da Igrexa, que se estenderá ata o 26 de xuño ás cidades de Baiona, Oia, Tui e á lusa Valença do Minho coa participación de especialistas de toda España.
Neste senso, o representante do Goberno galego puxo en valor os diferentes convenios que a Xunta mantén coas seis dioceses galegas, “e que ten suposto un investimento de 2,42 millóns de euros por parte da Xunta desde 2019”. Ao respecto, concretou que estas axudas abranguen mosteiros, abadías, conventos, conxuntos catedralicios e diferentes monumentos declarados Ben de Interese Cultural, especialmente vencellados ás rutas xacobeas.
Precisamente, salientou o recente convenio de colaboración entre o departamento que dirixe e as dioceses galegas “por valor de 600.000 euros, consolidando a partida de 2025”. Deste xeito, avanzou que esta partida destinarase “a pequenas actuacións de conservación e mantemento de 12 igrexas parroquiais, repartidas por todo o territorio galego”.
No caso da Diocese de Tui-Vigo, organizadora este ano da edición destas xornadas, López Campos precisou que este convenio de colaboración supón unha achega de 76.200 euros a repartir entre os traballos para solucionar as humidades na igrexa de Santa María de Queimadelos, no municipio pontevedrés de Mondariz, e para as actuacións no campanario de San Martiño de Pesqueiras, en Salvaterra de Miño, “localidade pontevedresa na que tamén se levará a cabo a restauración do cruceiro de San Paio de Alxén”, indicou.
Ademais, o conselleiro tamén informou de que se intervirá na igrexa de San Paio de Moscoso, en Pazos de Borbén (Pontevedra), para a substitución do material de cubrición, mentres que un total de 39.000€ desta partida destinaranse á cuberta da igrexa de Xagoaza, no municipio ourensán de Barco de Valdeorras.
Así mesmo, destacou o desenvolvemento por parte do Goberno autonómico do Plan Catedrais de Galicia, a folla de ruta dotada con 38 M€ para manter nas mellores condicións os grandes templos galegos co horizonte posto en 2027, “garantindo que gocen do seu maior esplendor tanto para a nosa propia veciñanza como para recibir do mellor xeito os visitantes”.
Finalmente, incidiu en que a protección, conservación e posta en valor do patrimonio cultural galego, material e inmaterial, é unha tarefa común que “permite manter viva a nosa memoria colectiva, reforzar a nosa identidade e proxectar cara ao futuro o legado do pobo galego”. Neste senso, considerou que, deste xeito, “se consolida e reforza Galicia como un interesante destino cultural ao que achegarse, sobre todo de cara ao próximo e ilusionante Ano Santo 2027”, concluíu.
