Nova: A Xunta reafirma a súa aposta pola promoción cultural no rural cunha nova convocatoria de Territorio Cultura, dotada con 250.000 euros
22/06/2026
A Xunta reafirma a súa aposta pola promoción cultural no rural cunha nova convocatoria de Territorio Cultura, dotada con 250.000 euros
- O Goberno galego incrementa este ano un 23 % a súa achega respecto aos fondos procedentes do Goberno de España
- O Consello aproba as bases da cuarta edición destas subvencións para continuar coa ampliación, diversificación e descentralización cultural en concellos de ata 30.000 habitantes con densidade máxima de 100 hab./km2
- Dáselles continuidade ás tres fases anteriores deste mesmo programa, do que se beneficiaron 40 propostas que chegaron a preto de 90 municipios
O Consello da Xunta aprobou hoxe as bases dunha nova convocatoria de subvencións do programa Territorio Cultura, a través do que en 2026 se destinarán 250.000 euros a futuros proxectos que sigan promovendo a actividade e o tecido cultural en áreas non urbanas. Trátase da cuarta edición desta liña de axudas, pola que se lles dará continuidade ás anteriores fases a través dunha medida que xa impulsou nos anos 2022, 2023 e 2025 máis de 40 proxectos arredor de distintas disciplinas artísticas en preto de 90 municipios das catro provincias galegas.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, incrementa este ano nun 23 % a súa achega económica a esta canle de apoio, cofinanciada tamén con fondos procedentes do Ministerio de Cultura. Así, malia que o Goberno de España diminuíu en 50.000 euros a súa achega ao programa respecto a 2025, a Xunta incrementa o seu investimento en 10.000 para poder acadar a dotación de 250.000 euros.
A prioridade de Territorio Cultura, que se convoca en réxime de concorrencia competitiva, continúa a ser a ampliación da actividade cultural no rural galego, entendida esta como motor de cambio, dinamización e transformación social. Búscase tamén activar procesos culturais que afonden nos vínculos individuais e sociais co territorio, ofrecendo novas oportunidades laborais, estables e de calidade no eido cultural.
Ampla tipoloxía de proxectos de iniciativa privada
Os concellos destinatarios dos proxectos, de menos de 10.000 habitantes ou de ata 30.000 sempre que a densidade de poboación sexa inferior aos 100 hab./km2, poden acoller unha ampla tipoloxía de accións subvencionables. Teñen cabida proxectos que favorezan a experimentación, a investigación e a innovación cultural e posúan unha concreción práctica no territorio: educación, cooperación, patrimonio inmaterial, mediación, uso de novas tecnoloxías, eventos artísticos de calquera disciplina (artes visuais, cine e artes audiovisuais, teatro, danza, circo, música, literatura e palabra, arquitectura, deseño e artesanía), actividades multidisciplinares e de relación coa ciencia ou cos saberes tradicionais.
Do mesmo xeito que na anterior convocatoria de 2025, as axudas volverán dirixirse a empresas, fundacións e asociacións culturais para levar a cabo proxectos que activen procesos vinculados co territorio e que contribúan á profesionalización do sector en áreas rurais. Tamén busca favorecer novas oportunidades laborais, estables e de calidade, así como fortalecer os vínculos individuais e colectivos co territorio a través da cultura. Preténdese así favorecer a actividade e os proxectos xurdidos da iniciativa privada, tendo en conta a súa maior incidencia para o fomento do emprego.
A Xunta convocou por vez primeira as subvencións de Territorio Cultura durante a pospandemia e ao abeiro do Mecanismo europeo de recuperación e resiliencia dos fondos Next Generation EU, de xeito que foi a primeira Administración autonómica en deseñar e facerlle chegar á cidadanía este programa. Despois do éxito acadado nas adxudicacións precedentes, a terceira e cuarta quendas, de 2025 e 2026 respectivamente, fináncianse mediante a distribución de fondos do Estado entre as Comunidades autónomas, aprobada no seo da Conferencia Sectorial de Cultura.
