Nova: A Xunta apoia a nova edición de Curtocircuíto como escaparate da creación audiovisual galega e internacional
22/06/2026
A Xunta apoia a nova edición de Curtocircuíto como escaparate da creación audiovisual galega e internacional
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colabora co certame a través da liña de axudas a festivais audiovisuais de carácter profesional
Dedícalle un espazo destacado á produción galega recente desde as seccións Planeta GZ, Supernova e Terra
A carteleira inclúe 21 filmes de 16 países na sección oficial Cosmos, focos arredor de Lawrence Lek e Gala Hernández, actividades expandidas e residencias
Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2026
A Xunta de Galicia apoia a 23ª edición de Curtocircuíto, Festival Internacional de Cinema de Santiago de Compostela, que se desenvolverá do 30 de xuño ao 5 de xullo e que volverá funcionar como escaparate para a creación audiovisual galega en formato curto en combinación coas propostas producidas noutros territorios. O certame, co que colabora a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través de liña de axudas para festivais do sector audiovisual, foi presentado hoxe nun acto no que participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil.
O representante do Goberno galego destacou como valores de Curtocircuíto os de ser “un espazo de referencia para as novas linguaxes audiovisuais, a experimentación e o diálogo entre o cinema, a arte, a música e a tecnoloxía”. Neste sentido, subliñou “a importancia de acompañar festivais que contribúen á circulación das obras galegas, á profesionalización do sector e á creación de novos públicos arredor de propostas que amplían os límites do audiovisual”.
Tivo tamén palabras para celebrar a calidade da produción galega en curtametraxes, formato que, lembrou, é apoiado desde a Xunta cos seus apartados específicos dentro das convocatorias de axudas á produción audiovisual e á promoción do talento no sector, ademais doutras accións como a publicación e difusión internacional do catálogo Shorts from Galicia.
Un circuíto galego de festivais audiovisuais
Curtocircuíto, organizado polo Concello de Santiago e dirixido por Pela del Álamo, é un dos 11 festivais subvencionados en 2026 pola Xunta de Galicia no marco da liña de apoio dirixida a certames audiovisuais e dotada con 310.000 euros. A mostra compostelá recibe este ano 27.638 euros dentro dunha convocatoria que ten como obxectivo contribuír á consolidación do circuíto galego de festivais de carácter profesional, favorecer a diversidade de xéneros e formatos e impulsar a presenza da produción cinematográfica e da dirección galegas nestes espazos de exhibición.
A programación da nova edición abrangue as seccións competitivas Cosmos, Planeta GZ e Supernova; os focos sobre Lawrence Lek e Gala Hernández; a entrega do Premio Curtocircuíto Atlas á cineasta francesa Marie Losier; a sección Terra, dedicada ao arquitecto, cineasta e fotógrafo galego Tono Mejuto; e o ciclo Psicoxeografías, que conectará cinema, territorio e performance audiovisual.
O último na produción galega
A presenza galega artéllase especialmente a través de Planeta GZ, Supernova e Terra. A primeira destas seccións reunirá 11 curtametraxes recentes, con títulos como O corpo de Cristo, de Bea Lema; A pena, de Iria Silvosa; Cara de cona, de Guillermo de Oliveira; La historia todavía no conoce mi nombre, de Diana Toucedo; Historia dunha bicicleta (sen aire nas rodas e chea de po), de Xoán Fernández Diz; ou Escala un cincuenta mil, de Ángel Suanzes, entre outras propostas de ficción, documental, animación e formatos híbridos.
Pola súa banda, Supernova funcionará como espazo para novas voces do audiovisual galego emerxente, con obras como Afeminadas, de Catuxa Prieto e Carlos Barba; Sardiñas, de André Parra; Saír do Limbo, de Antón Rodríguez; Voaduras, de Manuela Pereira; Disolución dun ollar, de Javi Darriba; ou Una y otra vez, de Alba Amoedo. A sección Terra estará dedicada nesta edición ao traballo de Tono Mejuto, cunha obra centrada nos cruces entre cinema, territorio, arquitectura e procesos analóxicos, e incluirá un percorrido pola súa traxectoria que culminará coa proxección estereoscópica de Reliefs.
Cinema internacional e novas linguaxes
A sección oficial Cosmos reunirá 21 filmes de 16 países, con obras de Dorian Jespers, Julia Mellen, Bill Morrison, Helena Wittmann, Mohammadreza Farzad, Veneta Androva, Iris Sang ou Gala Hernández, entre outros nomes. A competición ofrecerá un percorrido por propostas de ficción, documental, animación e formatos híbridos, que serán valoradas por tres xurados: o oficial, o Galiza e o Xurado Novo.
A carteleira complétase cos focos dedicados a Lawrence Lek e Gala Hernández, así como cunha liña de audiovisual expandido encabezada por Ryoichi Kurokawa. Neste apartado haberá tamén presenza galega con Marta Verde, que presentará xunto a José Venditti a estrea mundial de GAMMA; coa compostelá Frau Troffea; e con PV3000, proxecto do músico e artista visual vigués Emilio Horyaans. O programa inclúe, ademais, residencias artísticas de fotografía protagonizadas por Manuela Lorente e Ricardo Cases.
