Nova: A Xunta programa unha ducia de concertos gratuítos co mellor da escena galega en ‘Atardecer no Gaiás’

21/06/2026

A Xunta programa unha ducia de concertos gratuítos co mellor da escena galega en ‘Atardecer no Gaiás’

Un total de 14 artistas actuarán do 2 de xullo ao 14 de agosto na Praza central da Cidade da Cultura

Carlangas, 9Louro, Bala, Maricarme, Unto Vello, Lisdexia, Sheila Patricia, Galician Army e Dogo forman a representación galega desta décimo sexta edición

O ciclo inclúe tamén unha nova edición do ‘Atardecer Fest’, que volverá centrarse no rap e nos ritmos urbanos máis actuais

O talento gañador do Xuventude Crea e Turista Sueca, desde Cataluña, completan o cartel dos concertos de verán do Gaiás

A iniciativa forma parte da segunda campaña ‘Para gustos, cultura’, que este verán desenvolverá máis de 3.600 actividades en 200 municipios galegos

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2026

A Xunta de Galicia programa este verán doce tardes de música ao aire libre no ciclo Atardecer no Gaiás, cunha selección que trae o mellor da escena galega en xéneros como o punk, o rock, a electrónica, o novo tradi e a música urbana, xunto con artistas destacados de Cataluña, País Vasco, Madrid e Andalucía. Trátase dunha proposta enmarcada na programación de Para gustos, cultura, que este ano chegará a 200 localidades con máis de 3.600 propostas.

Un total de 14 artistas e bandas subirán ao escenario da Praza central da Cidade da Cultura os xoves e venres do 2 de xullo ao 14 de agosto nesta décimo sexta edición, que volve contar co apoio de Cervezas Alhambra. Os concertos arrincan o xoves 2 de xullo ás 21,00 horas con Carlangas, que presentará Universo Paralelo, un regreso ao son das guitarras no seu terceiro álbum en solitario despois do parón da mítica Novedades Carminha.

O venres 3 será o talento máis novo premiado no certame Xuventude Crea que promove a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude quen ocupe o escenario de Atardecer no Gaiás

Na semana seguinte, o protagonista de Atardecer no Gaiás o xoves 9 de xullo será 9Louro, un fenómeno da música urbana en galego que esgota entradas en minutos e provoca colas para velo en directo. O rapeiro de Muros está de xira con Amorrer, o seu segundo traballo, no que mestura electrónica e ritmos urbanos cunha narrativa intensa sobre o amor, a perda e a identidade xeracional.

Os solpores do xoves 16 e do venres 17 estarán dedicados ao novo folclore galego, coas actuacións do trío Maricarme e do dúo Unto Vello, dúas novas propostas que afondan e recuperan a tradición oral galega para crear novos arranxos e composicións propias.

Para o xoves 23 de xullo Atardecer no Gaiás contará con Bala, unha das bandas de rock galegas con máis proxección internacional. Concertos en festivais e salas por toda España, Reino Unido, América e ata Xapón testemuñan a relevancia deste dúo formado pola coruñesa Anxela Baltar e a lucense Violeta Mosquera, que suma catro discos, aparicións na televisión estatal e colaboracións con artistas como Tanxugueiras, Ana Curra ou os estadounidenses Surfbot.

As actuacións de xullo rematarán con Sheila Patricia, unha das novas voces da canción de autora en Galicia, (30 de xullo) e coa enerxía do punk rock en galego que trae desde Muros o grupo Lisdexia, o venres 31.

O eclipse en Atardecer no Gaiás

En agosto, a primeira semana de concertos comeza con guitarras e distorsión, as do grupo compostelán de noise-rock Dogo, o xoves 6 agosto. O seguinte solpor con música adiántase ao mércores 12 de agosto para que o dúo lucense de electrónica Galician Army poña banda sonora ao evento astronómico do ano: o eclipse total de sol que se poderá ver tamén desde a Cidade da Cultura.

Para rematar, o xoves 13 haberá unha segunda edición do Atardecer Fest, dedicado aos ritmos urbanos, con tres voces destacadas do rap actual que serán anunciadas proximamente. O último concerto do ciclo será o venres 14 de agosto con Turista Sueca, un trío nacido en Barcelona con raíces en Galicia, País Vasco e Andalucía que promete moito baile e risas a ritmo de electropop.

Todos os concertos de Atardecer no Gaiás son de acceso libre a gratuíto e comezarán ás 21,00 horas na Praza central da Cidade da Cultura.

Comparte