Nova: A Xunta apoia a cuarta edición do festival ‘Rumboia Viva’, que se celebrará o 27 de xuño en Abadín
20/06/2026
A Xunta apoia a cuarta edición do festival ‘Rumboia Viva’, que se celebrará o 27 de xuño en Abadín
Abadín (Lugo), 20 de xuño de 2026
O delegado territorial da Xunta, Alfonso Villares, participou hoxe en Abadín na presentación da cuarta edición do festival cultural Rumboia Viva, que se celebrará na localidade o próximo 27 de xuño e que conta co apoio da Xunta de Galicia.
Villares puxo en valor o traballo da asociación xuvenil A Rumboia, promotora desta iniciativa, “que conseguiu que, con soamente tres edicións ás súas costas, o Rumboia Viva sexa xa unha proposta cultural de referencia na comarca da Terra Chá, demostrando ano tras ano o seu poder de convocatoria e de dinamización do turismo e da economía local”. Neste sentido, louvou o papel da mocidade na organización de proxectos “que fortalecen a vida social e cultural do noso rural”.
A edición deste ano contará coas actuacións de Caamaño & Ameixeiras, Ulex, La Txama, Boyanka Kostova, Bea Fernandes e Lucasiito B2B Somiiux.
A programación completarase ademais con actividades paralelas para público de todas as idades, como xogos tradicionais, obradoiros, contacontos e postos de artesanía. O festival celebrarase no campo da feira de Gontán, con entrada de balde.

