Nova: A Xunta reúne un milleiro de persoas nunha nova edición da Holi Gaiás
20/06/2026
A Xunta reúne un milleiro de persoas nunha nova edición da Holi Gaiás
A carreira, cun percorrido de cinco quilómetros e carácter lúdico, lévase a cabo nos exteriores da Cidade da Cultura baixo unha poeira de cores
A rapazada menor de 10 anos de idade súmase a esta xornada de festa ao aire libre coa ‘Peque Holi’
López Campos celebra a “boa acollida e ampla participación de persoas de todas as idades”
A proba conta co patrocinio de Veolia e a colaboración da Federación Galega de Atletismo, Coca-Cola e Gadis e parte do recadado destínase á Fundación Andrea, que traballa a prol da cativada con enfermidades crónicas ou terminais
Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2026
A Xunta de Galicia reuniu hoxe na Cidade da Cultura un milleiro de persoas nunha nova edición da Holi Gaiás, a carreira de carácter lúdico que percorre os exteriores da Cidade da Cultura baixo unha poeira de cores. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, quen esta mañá deu a saída á oitava edición para, posteriormente, participar na entrega de premios.
Tal e como salientou a representante da Xunta, a Holi Gaiás é xa “unha das citas imprescindibles no calendario de primavera”. Así mesmo, celebrou a “boa acollida e a ampla participación de persoas de todas as idades nunha carreira que convida a gozar dunha contorna natural única como son os espazos verdes da Cidade da Cultura”.
Nesta liña, López Campos puxo en valor a importancia de impulsar actividades como esta que “promoven o deporte lúdico e non competitivo e que se pode desfrutar en familia e con amizades”.
A carreira Holi Gaiás celebrouse hoxe a partir das 12,00 horas cun percorrido de cinco quilómetros. Previamente, a cativada puido participar na Peque Holi, dirixida a menores de 10 anos e cun percorrido de 700 metros. Ademais, os asistentes contaron con animación durante toda a mañá a través de música e coreografías.
A proba está organizada pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura e patrocinada por Veolia, coa colaboración da Federación Galega de Atletismo, Coca-Cola e Gadis. Ademais, un euro do custo de cada inscrición doarase á Fundación Andrea, que apoia a nenos con enfermidades crónicas, de longa duración ou terminais.
